O Triatlón Ferrol tivo moito protagonismo en Pontevedra ao facerse co título individual grazas á actuación de Carmen Gómez e a dous trofeos por clubs ao ser subcampións nas categorías feminina e masculina.
Carmen Gómez foi moi superior ás súas rivais, saíu segunda da auga, no ciclismo xa tomou a dianteira e na carreira a pé só sufriu no último quilómetro porque a calor e pensar en non deshidratarse lle provocou flato na recta final da proba. Co seu tempo, e o da cadete Carmen Jiménez –quinta da xeral e subcampioa cadete- e o de Laura García -24ª-, o Triatlón Ferrol foi o segundo mellor club da xornada.
O subcampionato por clubs tamén logrou o equipo masculino despois da exhibición dos canteiráns da Escola Javi Gómez Noya ao entrar no top-10 dunha proba liderada por triatletas internacionais. Marcos Ruiz foi o mellor ao cruzar a meta sexto, Iván Puentes rematou noveno e David Campos, 16º.
Desta forma, os triatletas que lle deron ao club os títulos de Pontevedra, agás Marcos Ruiz que xa estaba clasificado, conseguiron unha praza para o campionato galego que en agosto se celebrará en Ferrol.