A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Román Romero, anunciaron a celebración, o vindeiro 30 de xuño, da Festa do Deporte. A cita terá lugar no complexo polideportivo municipal da Gándara (dentro e fóra das instalacións deportivas), e coa mesma, tal e como indicou a rexedora local, “darase por rematada a tempada 2017-2018 das Escolas Deportivas Municipais cunha xornada adicada por completo ao deporte e con varias propostas para os asistentes”.
A Festa do Deporte desenvolverase durante todo o día, de 10.30 a 14.00 e desde as 16.00 ata as 20.00 horas e a entrada é de balde. As actividades terán lugar na zona do estacionamento do complexo polideportivo excepto unha delas, un castelo inchable que se instalará na piscina, cunhas dimensións de 12 x 3 metros, tal e como apuntou Romero. O edil avanzou que os menores de seis anos deben acudir acompañados por unha persoa adulta para poder participar nas actividades. A oferta deportiva deste evento inclúe fútbol, baloncesto, voleibol, bádminton, natación, xincanas de inchables e, pola mañá, de 11.30 a 12.30 horas, unha clase maxistral de zumba dirixida a menores e adultos.
Ferreiro destacou que cada ano unha media de 3.000 usuarios participan nas actividades conveniadas e de clubes, e acuden ás piscinas da Gándara e ao ximnasio, “unha oferta á que se suman non só veciñas e veciños de Narón, senón tamén persoas procedentes doutros concellos da comarca”.
A alcaldesa e o edil naronés convidaron ás persoas que participan nas diferentes actividades das Escolas Deportivas Municipais e tamén ao resto de veciñas e veciños da cidade e doutras localidades a acudir o día 30 á Festa do Deporte para desfrutar xuntos dun día adicado ao deporte e despedir esta tempada ata o vindeiro mes de outubro, cando comezarán de novo as clases nas citadas Escolas Deportivas Municipais.