O Concello de Narón recibirá a finais deste mes en Bruxelas un dos Premios á Excelencia en Seguridade Viaria

Fot. Galicia Ártabra

O Concello de Narón vén de recibir un novo premio polas súas boas prácticas en materia de Seguridade Viaria. Así o confirmou na mañá deste martes o concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, que indicou que «hoxe mesmo recibimos no Concello a comunicación de que a Comisión Europea entregará a Narón un dos Premios á Excelencia en Seguridade Viaria (Excellence in Road Safety Awards) na modalidade de autoridades locais». “A entrega deste novo premio é un incentivo máis para continuar traballando desde o Concello de Narón nesta mesma liña, impulsando novas accións en materia de educación e seguridade viaria con diferentes colectivos”, apuntou Sánchez Fojo, que agradeceu a concesión do premio e valorou o traballo realizado polo equipo de Educación Viaria de Narón.

O citado equipo presentou a este certame os tres proxectos implantados máis recentemente na cidade: os programas “Bica e Arrinca”, “Camiño Escolar Seguro” e “Estacionamentos disuasorios”. O impacto destas iniciativas, a aprendizaxe das mesmas e súa posible reproducción foron algúns dos apartados que se valoraron á hora de conceder os premios de boas prácticas. As accións impulsadas desde Narón, tal e como recordou o edil, diríxense tanto a bebés e menores como a preadolescentes, adultos e á Terceira Idade.

A Comisión Europea recoñece a través dos Premios á Excelencia da Seguridade Viaria as máis destacadas accións emprendidas para mellorar a Seguridade viaria e salvar vidas nas estradas europeas. Os galardóns entregaranse o vindeiro 26 de xuño na Biblioteca de Solvay, en Bruxelas, ata donde se desprazarán representantes do Concello para recibir esta nova distinción na área de Educación e Seguridade Viaria. A Comisaria Europea de Transporte, Violeta Bulc, será a encargada de entregar este galardón ao Concello de Narón, que vén a sumarse a anteriores recoñecementos pola intensa labor desenvolvida desde Narón con diferentes colectivos en materia de Educación e Seguridade Viaria.

O Concello de Narón adheriuse no ano 2016 á Carta Europea da Seguridade Viaria, dirixida pola Comunidade Europea e que constitúe, con máis de 3.400 entidades públicas e privadas, a maior plataforma de seguridade viaria da sociedade civil. A través de obxectivos como o intercambio de coñecementos e experiencias na materia dentro da UE, ou impulsar a colectivos e entidades para que tomen medidas nesa área, entre outros, apóstase por reducir o número de accidentes en estradas de aquí ata o ano 2020.

Lea también

Inaugurada en San Xiao de Narón una imagen del Patrón tallada sobre un tronco por Carlos García

En la mañana de este domingo, día 28, el obispo de Mondoñedo-Ferrol Fernando García Cadiñanos, continuó …