A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, saíu ao paso das declaracións realizadas desde a central unitaria Alternativas na Xustiza sobre a situación da accesibilidade no Xulgado de Paz de Narón. Ferreiro explicou que tanto desde que accedeu á Alcaldía, o pasado mes de setembro, como anteriormente, con José Manuel Blanco como rexedor local, o colectivo acudiu a xuntanzas no Consistorio para abordar a situación. “Tanto Blanco como eu recibimos aos representantes desta central sindical e, a maiores, mantivemos varias conversas telefónicas para informalos sobre este tema”, asegurou.
Con respecto ao acceso ao Xulgado de Paz e o Rexistro Civil de Narón, ambas dependencias ubicadas no primeiro andar do antigo Concello de Xuvia, Ferreiro subliñou que “dispón dunha rampa de acceso dende a berirarrúa e un salva-escaleiras no interior, que permite acceder ao primeiro andar ás persoas con mobilidade reducida, cumprindo ambas estructuras a normativa vixente”.
Así mesmo, a alcaldesa recordou que o Concello dispón dun Plan de Mobilidade para edificios e viais públicos no que xa se recolle a mellora da accesibilidade en edificios municipais. No documento, recalcou Ferreiro, «contémplase o feito de que á hora de acometer este tipo de actuacións prevalecerán aqueles casos de edificios municipais que non dispoñan de ningún tipo de elemento que axude a salvar as barreiras arquitectónicas, como así se lles fixo saber aos representantes de Alternativas na Xustiza”.
“Desde o goberno local continuamos traballando en materia de accesibilidade, un área á que se destinará unha importante partida económica dos actuais orzamentos municipais”, asegurou a alcaldesa. Ferreiro manifestou que “a pesares de que o Xulgado de Paz dispón desa rampa e salva-escaleiras, estamos valorando a viabilidade de poder instalar un ascensor, polo que a vontade e implicación do Concello deberían estar fóra de toda dúbida tendo en conta que os representantes do sindicato recibiron en todo momento a información que desde o Concello lles podemos facilitar ao respecto”.