A V Carreira popular Concello de San Sadurniño pasará de 800 deportistas

Carrera en San Sadurniño – Concello de San Sadurniño

A carreira que percorrerá o arboreto da Cortiña e a zona da Bidueda este domingo volve confirmar a súa condición de referente entre as populares do norte galego. Ao peche do prazo de inscrición, o Concello e mailo CPI recolleron 819 solicitudes de participación, das que algo máis da metade son para as categorías dos 5 Km. Ademais, este ano bátese récord en número de equipos, cun total de 17, conformados maioritariamente por deportistas amadores e amadoras. Nese caso tamén máis da metade son de San Sadurniño. O tempo semella que vai ser un aliado: anúncianse nubes e claros e unha temperatura máxima que roldará os 20º, condicións ideais para correr. A carreira popular marcará en certo modo o arranque do «Xuño deportivo», que programa varias actividades ao aire libre para as próximas semanas.

A saída da primeira carreira darase ás 11.15 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2006, 2007 e 2008-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Quince minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2004/2005 e 2001/2002/2003- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.30 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2009 e 2010- e para as 12.40h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2011/2012. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 12.50h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2013 e 2014- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, tamén se conta cortar un dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.

Os dorsais poderán retirarse hoxe entre as 19 e as 22.00h. e mañá de 12 a 14.00h. en Decathlon Ferrol. Mañá sábado tamén se poderán recoller desde as 18.00 até as 20.00h. no CPI de San Sadurniño. Outra opción é pillar chip e dorsal o propio domingo no propio arboreto da Cortiña: de 9.10 a 11.10h. para a carreira de 5 Km. -Infantil B ata veteráns- e ata media hora antes de cada proba para o resto de categorías.

As persoas participantes terán, ademais, servizo de duchas á súa disposición no Pavillón Municipal e na zona de saída e chegada contarán cun pequeno avituallamento ao que se lle sumará a posibilidade de petiscar algo no bar de campaña instalado para o evento. Con todo, desde o Concello tamén se lembra que nas proximidades existen as opcións do Mesón A Granxa e O Muíño do Pepe -mellor probar a reservar antes en ambos casos- e que en Lamas tamén se celebra a Feira da Artesanía e de degustación de Carrilleiras que, neste último caso, require inscrición previa chamando aos teléfonos 666 045 124 e 618 838 760.

A V Carreira popular Concello de San Sadurniño é puntuable para o VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade en colaboración co CPI de San Sadurniño e a Federación Galega de Atletismo. No apartado de entidades que botan unha man tamén se inclúe a Deputación da Coruña, Navantia, O Padroado de Deportes de Narón, o Concello de Narón, o Concello de Ferrol, a empresa SEDEGA, DECATHLON e o Club Castro de Lobadiz, xunto con máis dunha vintena de firmas comerciais, na súa maioría de San Sadurniño.

Máis deporte en xuño

Ademais deste evento deportivo, o Concello tamén ten programados outros para as próximas semanas, encadrados dentro do denominado «Xuño deportivo». Así, o domingo 10 de xuño a Escola Pantín Surf Camp acollerá unha xornada de iniciación ao surf e ao paddle surf para maiores de 12 anos. A actividade ofrece 25 prazas e ten un prezo de 10€. Ao domingo seguinte, día 17, desenvolverase pola mañá unha nova edición da Roda Cicloturística en familia, consistente en dar un paseo en bici duns 13 quilómetros por San Sadurniño e arredores. Por último, o sábado 23, Naraío acollerá unha ruta de sendeirismo de dificultade media e 15 km. de percorrido que sairá do local social da parroquia a iso das 9.30h. Para obter máis información ou inscribirse en calquera destas actividades abonda con chamar ao 981 490 027 ou enviarlle un correo ao técnico de Cultura e Deportes, agustin.perez@sansadurnino.gal.

Cómpre lembrar, ademais, que a área de Cultura e Mocidade volverá reeditar o programa de lecer alternativo para a mocidade «Os venres en Sansa!», que este ano se concentrará en tres venres de xuño, setembro e outubro. A velada nocturna de xuño repartirase por varias zonas do centro urbano o venres 15 ofertando paintball ao pé do Xubia, tirolina nos xardíns municipais, cociña e adestramento canino no CPI e unha ruta de sendeirismo que finalizará cara á unha da madrugada.

Lea también

Abierta la presentación de ofertas en FIMO Ferrol, para la ciudad del deporte

Hasta el próximo 29 de julio se pueden presentar las ofertas para las mejoras en …