Continúa celebrándose en Narón a Semana da Mobilidade e Educación Viaria,

As escolas infantís municipais da Solaina e A Gándara contan desde a mañá deste martes cun novo xogo, un Circuíto de Educación Viaria no que os menores de 2 e 3 anos se comezan a familiarizar co tema da seguridade e a educación viaria. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, e de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse  á EIM da Solaina para ver como os nenos e nenas comezaban a xogar neste circuíto, dunhas dimensións aproximadas de 2×1,60 metros (as indicadas polos responsables dos centros en función das idades dos menores). Ferreiro destacou que “esta é unha nova iniciativa que poñemos en marcha en dúas escolas infantís municipais porque desde o goberno local continuamos apostando por inculcar aos nenos e nenas destas idades unha serie de condutas relacionadas coa seguridade viaria para que se familiaricen con elas e inicien un ciclo lúdico e formativo que continuarán na segunda etapa de Infantil, xa nos propios colexios”.

O circuíto consta dun debuxo realizado con pinturas especiais no que se pode ver unha estrada, pasos de peóns, vivendas, semáforos… e os nenos e nenas xogan nel con coches de madeira (de viaxeiros, policiais, ambulancias…) e aprenden a respectar as normas de seguridade viaria. Seis menores estreárono hoxe, no patio do centro.

Na tarde deste martes, o local social do Alto do Castaño acolleu un Curso teórico práctico para acompañantes de transporte escolar e de menores, que impartiu persoal do Speis de Narón e aberto á asistencia do público en xeral. A maiores, a Praza da Gándara acolleu de novo o Parking Day, cun obradoiro para aprender a facer bonecos –de balde e aberto á cidadanía- entre as 18.00 e as 19.00 e unha exhibición de danzas urbanas de 19.00 a 19.40 horas.

Actividades  neste mércores

Este mércores ao longo da mañá e da tarde continuarán as patrullas en bicicleta con dous axentes da Policía Local polas rúas máis transitadas da cidade. Tamén pola mañá, entre as 8.30 e as 9.10 horas, desenvolverase a actividade Almorzo na rúa, na que participarán este ano os centros escolares da Solaina, Ayala, Virxe do Mar, A Gándara, Santiago Apóstol, Piñeiros, Jorge Juan e Ponte de Xuvia, e na que colaboran as Anpas. Os nenos e nenas que acudan ao centro escolar a pé, en bicicleta, monopatín… recibirán de balde un almorzo que se servirá na entrada ao recinto escolar. Unha peza de froita, leite con cacao –café para os adultos que os acompañen- e un boliño de pan será o menú deste almorzo. Esta mesma iniciativa aplicarase no Concello, donde se ofrerá de balde o almorzo na cafetería ás persoas que acudan ao traballo camiñando, en monopatín ou en bicicleta e, a maiores, poderán saír media hora antes do seu posto de traballo, ás 14.00 horas.

Ao longo da tarde continuará a programación, co Parking Day na Praza da Gándara. De 17.00 a 18.00 horas será o turno das clases de guitarra; entre as 18.00 e as 19.00 haberá unha sesión de pintura ao aire libre, na que poderán participar todas as persoas que o desexen –de balde- e entre as 19.00 e as 20.00 haberá unha sesión de zumba, tamén aberta á participación do público en xeral.

O Pazo da Cultura acollerá tamén este mércores unha das actividades da programación da Semana da Mobilidade e Educación Viaria, concretamente entre as 18.00 e as 20.00, cando terá lugar un obradoiro dirixido a mulleres embarazadas, sobre Seguridade no automóbil-Sistemas de retención infantil. Un experto nestes sistemas, Carlos Azagra e unha asesora na materia, Raquel García, serán os encargados de impartir esta convocatoria. Así mesmo, no transcurso da sesión procederase a presentar o programa colectivo Apego, un proxecto cooperativo integrado por varios concellos galegos, entre eles o de Narón, para fomentar a socialización dos menores en galego.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …