Máis dun centenar de persoas inscribíronse xa na segunda edición do «Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón» que se celebrará os días 3 e 4 de maio. O Concello organiza un ano máis esta convocatoria, a través da Concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo, co fin de afondar coa colaboración de diferentes profesionais nas áreas da Seguridade e a Educación Viaria. A cita terá lugar no Auditorio municipal e as persoas que desexen anotarse poden facelo, de balde, a través da páxina web desta iniciativa: www.congresoeducacionvial.com, donde poden tamén obter toda a información relativa a este evento, tal e como recordou o concelleiro naronés.
O “2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón” inaugurarase o vindeiro xoves, día 3, ás 10.00 horas. A alcaldesa, Marián Ferreiro, será a encargada de presidir este acto, acompañada polo director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luis Menor. A continuación comezará o relatorio inaugural, sobre as 10.30 horas, a cargo do Fiscal de Sala e Coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, Bartolomé Vargas.
Ao longo da primeira xornada deste evento sucederanse tres mesas de traballo: unha sobre “Novas tecnoloxías aplicadas á seguridade viaria”, que comezará ás 11.40 horas; outra sobre “O camiño cara a unha nova educación viaria”, coa que se retomará o programa a partir das 16.00 horas e a terceira desde as 18.30, sobre o “Permiso de condución: dereito e responsabilidade”. Tras cada unha destas tres mesas de traballo abrirase un foro de debate e tamén un turno de preguntas, para que tódolos asistentes teñan a oportunidade de participar activamente e realizar consultas ou suxestións sobre os temas abordados en cada unha delas.
Na xornada final, o venres día 4, haberá unha mesa de traballo sobre “Smart mobility: mobilidade en entornos urbanos”, que dará comezo ás 10.00 horas. Tralo foro de debate, a rolda de preguntas e unha pequena pausa, comezará o relatorio de clausura deste congreso, sobre as 12.10 horas, no que María Isabel Viruez, axente sociocultural do Concello de Alhama (Granada) falará sobre “Poñer en marcha unha acción dentro do programa Erasmus +”. Ás 13.00 horas iniciarse un novo turno de preguntas e unha vez rematado procederase a clausurar esta segunda edición do «Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón».
Durante as dúas xornadas os asistentes terán a oportunidade de “escoitar novidosas propostas xa en marcha e outras pendentes de implantación coas que mellorar a seguridade viaria. Abordarase a temática desde o punto de vista da formación e tamén desde outros que contribúan a concienciar á cidadanía nas boas prácticas nesta materia, como peatóns ou condutores”, apuntou Sánchez Fojo.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público de Narón agradeceu a participación dos poñentes nesta segunda edición do Congreso e animou á cidadanía a inscribirse. “Este ano, a maiores de Corpos como a Garda Civil, os Bombeiros, a Policía Local ou Protección Civil xa se anotaron docentes, enxeñeiros, profesores de autoescolas… e moitos outros colectivos profesionais que veñen a constatar a importancia destas temáticas hoxe en día en diferentes áreas e a necesidade de coñecelas e poñelas en práctica”, subliñou.
A Dirección Xeral de Tráfico, a Deputación da Coruña, e a Axencia Galega de Seguridade Pública figuran entre os patrocinadores deste evento, do que se informa tamén a través do Facebook –congresoEVNaron- e Twitter -@congresoEVNaron-.