O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defenderá no pleno de mañá unha moción na que insta ao goberno local e a empresa EMAFESA a desenvolver as medidas necesarias para renovar a rede de subministro de auga nas rúas Estrela e Alonso López debido aos múltiples inconvenientes que causa o seu mal estado aos veciños e veciñas da zona.
O BNG por petición dos veciños e veciñas das rúas Alonso lópez e Estrela no barrio de Canido presentou esta proposta, logo de levala con anterioridade à comisión sen obter ningunha solución, xa que como se indica están a padecer desde hai tempo problemas co subministro de auga que provoca frecuentes cortes. Cortes de subministro que se reiteran constantemente e que en moitas ocasións se prolongan por longos espazos de tempo, mesmo con cortes de máis de 12 horas de duración, na maioria dos casos sen previo aviso á veciñanza.
As molestias que ocasiona esta situación foron postas en coñecimento da empresa EMAFESA e do Concello sen que se informe aos veciños das causas que provocan estes cortes de auga e sen que, por parte do Concello, se adopten as medidas oportunas para solucionalos co temor de que a situación empeore por non desenvolver actuación algunha sobre a rede de subminsitro de auga nesta zona.
O BNG considera que máis alá dos debates que existen na cidade sobre o modelo de xestión da rede de subministro de auga ou de depuración, a realidade é que temos problemas concretos que cumpre solventar polo que é preciso que se proceda a desenvolver os traballos de mellora e renovación na rede de subminsitro de auga nesta zona da cidade que lles garantan un servizo en condicións e sen a ameaza de saber se van padecer algun corte no subministro ou non.