Este domingo celebrarase en Fene a final provincial de dúatlon escolar con máis de 200 participantes.
De entre eles, os canteiráns do Arcade Inforhouse de Santiago serán os máis representados con 50 integrantes, por 30 cos que contará a Escola Javi Gómez Noya, que exercerá de local ao organizar a proba o Club Triatlón Ferrol en colaboración co Concello de Fene.
Da cita sairán os oito duatletas e os dous equipos ao completo que acudirán ao campionato galego da modalidade.
O Dúatlon Escolar de Fene dará comezo este domingo ás 11,00 horas no barrio de San Valentín con transición ás portas do pavillón da Xunqueira. Desde benxamín a cadete, os duatletas completarán un circuíto que vai desde os 500 m de carreira, 2 km de ciclismo e 250 m a pé para os máis novos, aos 2.000 m de carreira, 8 km de bici e 1.000 m correndo para os cadetes.