Este fin de semana, IX Feira Multisectorial Agrícola, no recinto do Trece, en Sedes, Narón

O recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, en Narón, acollerá esta fin de semana, os días 14 e 15, a novena edición da Feira Multisectorial Agrícola. A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, presentou na mañá deste luns o evento, con gran tradición xa no municipio e na comarca, e no que participarán preto de medio cento de expositores.

O recinto feiral abrirá as súas portas en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 e desde as 16.00 ata as 20.00, e durante as dúas xornadas poderanse ver e adquirir unha gran variedade de produtos. Ademais das últimas novidades en maquinaria agrícola –con demostracións do funcionamento dalgunha-, de xardinería e forestal, as persoas que se acheguen esta fin de semana á Feira Multisectorial Agrícola poderán tamén ver e comprar árbores frutais e ornamentais, aves de curral e moitos outros produtos relacionados co sector agrícola, tal e como apuntou Gómez.

Na xornada do sábado, entre as 16.30 e as 19.30 haberá no recinto un stand informativo de Ecoembes e a Xunta sobre a campaña “Separar con xeito para reciclar a feito!”, donde se explicará como separar ben os residuos e se incidirá na importancia da reciclaxe.

“A maiores do apartado expositor, tanto o sábado como o domingo haberá obradoiros infantís, unha actividade de balde na que queremos implicar ás nenas e nenos e explicarlles como realizar algunhas plantacións”, avanzou a edil naronesa. Un grupo de monitores encargarase de ensinarlles aos menores como plantar diferentes especies, que recollerán dun horto habilitado no recinto feiral. Unha vez realizado o traballo as nenas e nenos poderán levar as plantas para a súa casa.

Así mesmo, na xornada do domingo un profesional da poda encargarase de explicar ás persoas interesadas como realizar este tipo de tarefas, e tamén se lles indicarán as mellores épocas do ano para facelo, en función das especies.

No momento en que se acceda ao recinto feiral do Trece os visitantes recibirán unha rifa, coa que participarán nalgún dos oito sorteos –catro por día- que se celebrarán durante a fin de semana. Poderán gañar produtos que están á venda na feira, como árbores, hortalizas, plantas ornamentais…

A concelleira naronesa animou ás veciñas e veciños de Narón e comarca a visitar esta fin de semanan a “IX Feira Multisectorial Agrícola” no Trece, donde tamén haberá unha sesión vermú tanto o sábado como o domingo.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …