O pavillón Campo da Serra, en Santa Icía, convertirase este venres, e ata o vindeiro domingo día 1 de abril, en todo un referente para o ocio dirixido ao público familiar e infantil. As citadas instalacións acollerán durante tres días a segunda edición de O NARÓNiño, o lugar onde xogan as meniñas e os meniños, un espazo de xogos cunha superficie total de 800 metros cadrados e con varias propostas, todas elas de balde, para o xogo e o divertimento. O pavillón permanecerá aberto en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas, tal e como recordou a concelleira responsable da área de Turismo, Natalia Hermida.
Mundo Xogo Chef, Mundo Xogo Trucks&Blocks (para realizar construcións con pezas xigantes), Mundo Xogo peques (dirixido a nenas e nenos de 2 a 4 anos), Superthings, circuítos de radio control nas zonas de Carrera e Playmóbil, forman parte das propostas de O NARÓNiño, nas que se combina un apartado lúdico con outro máis didáctico, no que os menores e as súas familias terán a oportunidade de disfrutar dun tempo de lecer coincidindo coas vacacións de Semana Santa.
As persoas interesadas en participar nas diferentes propostas non terán que inscribirse previamente, se ben para facelo en Mundo Xogo Chef estableceranse unha serie de quendas, a medida que vaian chegando. Para un mellor desenvolvemento desta actividade haberá dúas quendas polas mañás –para vinte persoas cada unha delas-, a partir das 11.30, 12.30 e 13.30 horas. En horario de tarde haberá outras tres quendas –neste caso para corenta persoas cada unha delas- que darán comezo ás 17.00, 18.00 e 19.00 horas.
A edil naronesa recordou que cada unha destas actividades contará con monitores que explicarán en qué consisten ás persoas interesadas en participar. Así mesmo, Hermida animou ás familias de Narón e comarca a sumarse a esta proposta de ocio familiar e infantil programada desde o Concello e que alcanza este ano a súa segunda edición.