Narón celebra na tarde deste martes os actos do Día Mundial do Teatro

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a edil responsable da área, María del Carmen Espada, asistirán na tarde deste martes aos actos do Día Mundial do Teatro, que se conmemora nesta xornada.

O Auditorio municipal acollerá a partir das 20.00 horas a programación deste evento, deseñada a través da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón.

A celebración consistirá na posta en escena dunha obra sobre o nome das mulleres e a súa relación coa identidade que temos e perdemos, que se encargará de interpretar alumnado de segundo curso da citada Escola en base ao traballo realizado nas aulas de Teatro físico e Voz e dicción. A continuación, oito alumnas da Escola de Teatro, en representación dos seus respectivos grupos, porán voz aos textos cos que o alumnado dos Obradoiros municipais de Teatro de Persoas Adultas e da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores respostarán á pregunta: “Que é o teatro para vós?”. Actuarán con cargo a estes últimos os participantes nos obradoiros de Piñeiros, Vivendas da Mariña, Fundación Terra de Trasancos e Sedes e dos tres primeiros cursos e do Practicum da Escola de Teatro.

O acto rematará tamén co alumnado, representantes do goberno local, Silvia Casal -coordinadora dos Obradoiros Municipais de Teatro-, e Celia González -xefa de Estudos da Escola de Teatro de Narón-, que en nome da mesma lerán o Manifesto Internacional do Teatro 2018, redactado pola escritora e xornalista mexicana Sonia Berman.

O Instituto Internacional do Teatro realizou un chamamento para que se participe na conmemoración do Día Mundial do Teatro, para visibilizar nesta ocasión a intensa actividade que realizan as mulleres na escena e denunciar as desigualdades que lles afectan na área das artes escénicas. Respaldando estas reivindicacións, o Padroado da Cultura de Narón súmase á conmemoración desta data, incidindo tamén na necesidade de dar protagonismo ao rol das mulleres neste sector, en ocasións relegado dos papeis protagonistas.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …