O Auditorio municipal acollerá os días 3 e 4 de maio a segunda edición do Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron na mañá deste venres a convocatoria acompañados por dous integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello, Sonia López e Pedro Caneiro. A proposta diríxese a persoal dos corpos policiais e de bombeiros, Protección Civil, docentes e público en xeral, que deberán inscribirse previamente –de balde- a partir do vindeiro martes, día 27, a través da web: www.congresoeducacionvial.com.
A programación desenvolverase o día 3 en horario de mañá e tarde e o 4 pola mañá, e reunirá na cidade a recoñecidos poñentes na materia, tal e como destacou a alcaldesa da cidade. O director de proxectos da Fundación Española para a Seguridade Vial (Fesvial), José Ignacio Lijarcio; o xefe da área nacional da Fundación Mapfre, Antonio García; o presidente da Fundación CNAE, José Miguel Báez; o coronel da Garda Civil Francisco Javier Molano, xefe do sector de Tráfico de Galicia; a xefa do departamento de planificación do Concello de Madrid, Ana Rosa Llorente; a asesora pedagóxica da DXT Raquel Navas e unha axente cultural do Concello de Alhama (Granada), Marisa Viruez, desplazaranse nesas datas a Narón para falar de Educación e Seguridade Viaria.
En canto ás temáticas a abordar, Sánchez Fojo, explicou que as mesas tratarán temas como as novas tecnoloxías aplicadas á Seguridade Viaria, a Educación Viaria, o permiso de conducción e a mobilidade en entornos urbanos. En canto á estrutura, o edil naronés indicou que entre as 9.00 e as 10.00 horas entregaranse a documentación e as acreditacións no Auditorio a tódolos asistentes para, a continuación, proceder á inauguración oficial, a cargo da alcaldesa, Marián Ferreiro, e do Director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luis Menor. O relatorio inaugural, a partir das 10.30 horas, correrá a cargo de Bartolomé Vargas, Fiscal de Sala e Coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado. Tras unha pausa para o café comezará a primeira das mesas, ás 11.40 horas, á que seguirán dúas máis pola tarde, a partir das 16.00 horas e das 18.30. Na xornada do venres día 4 haberá unha única mesa de traballo a partir das 10.00 e o relatorio de clausura do Congreso correrá a cargo de Marisa Viruez, axente sociocultural do Concello de Alhama, que dará comezo ás 12.10.
Os representantes do equipo de Educación Viaria de Narón indicaron que as persoas que acudan á convocatoria terán a oportunidade de obter un diploma expedido pola AGAP, o Cefore ou o propio Concello, en función dos participantes, no que se recoñecerá a súa asistencia. Destacaron tamén Sonia López e Pedro Caneiro a importancia deste evento, que alcanza xa a segunda edición, manténdose a periodicidade bianual, e que vén completar “todo o traballo que esta cidade leva facendo nos últimos dez anos con diferentes colectivos en materia de Educación e Seguridade Viaria”.
Ferreiro destacou ademais que este Congreso “supón unha nova oportunidade para dar a coñecer este Concello como unha administración destacada en canto á transmisión de boas prácticas en materia de Educación e Seguridade Viaria” e, a maiores, permitirá “o intercambio de coñecementos e experiencias que se están impulsando ou levando a cabo noutras cidades”. A alcaldesa e o edil de Seguridade Cidadá animaron ás persoas interesadas nestas temáticas a inscribirse neste Congreso, destacando a labor realizada polo Concello nesta área, a través do equipo de Educación Viaria, en coordinación con varias concellerías, e agradecendo a participación de tódolos poñentes e a colaboración da Xunta e da Deputación da Coruña.
As persoas que desexen obter máis información poden facelo a través da páxina web: http://www.congresoeducacionvial.com/.