O Aldebarán Intasa comeza o playoff de ascenso á Superliga recibindo ao Emevé Lugo

Pancarta cos partidos do playoff no Concello – Concello de San Sadurniño

O Aldebarán-Intasa de volei inicia este sábado na casa a súa segunda tentativa de ascender á máxima categoría estatal. Tras meterse cunha autoridade indiscutible no playoff, o equipo de Charly Suárez recibirá ás 19.30h. no Pavillón Municipal ao seu máximo rival de grupo durante a liga, o Emevé de Lugo, no que será o primeiro encontro da fase de ascenso, onde, ademais destes dous equipos, tamén pelexarán o Podes i Tales de Manacor e o cvleganes.com. Nada está decidido e por iso desde o club local chaman á máxima asistencia de afección aos partidos, sequera aos que se xogarán na casa este sábado, o 24 de marzo contra o cvleganes.com e o 14 de abril -penúltima xornada- contra o equipo balear. E para que ninguén se despiste, desde onte hai un grande recordatorio no torreón do Concello.

Tras unha fase regular apaixonante que concluíu plena de emoción a pasada fin de semana, os catro mellores equipos da división de prata do volei estatal loitarán no playoff final polas dúas prazas que dan dereito a xogar o ano que vén na Superliga masculina. O Podes i Tales CV Manacor, o cvleganes.com, o Aldebarán-Intasa San Sadurniño e o Emevé comezan este sábado a recta final da temporada cun calendario de seis xornadas que semella deparar moita igualdade e a máxima emoción.

Os dous equipos galegos enfróntanse co obxectivo de iniciar o playoff con vitoria e buscando a supremacía do volei galego na categoría. O Emevé foi o gran dominador do grupo A con unicamente tres derrotas -ademais de levar a Copa Príncipe-, nunha campaña para o recordo. Pola súa banda, o Aldebarán-Intasa San Sadurniño foi o segundo do grupo A con seis derrotas. Os dous partidos xogados na fase regular saldáronse cunha vitoria a domicilio para cada equipo. Os lucenses venceron na ida 1-3 mentres que os de aquí metéronlles un contundente 0-3 no último partido antes das vacacións do Nadal.

Así as cousas mañá pode pasar de todo. Será fundamental o factor bancada para animar o equipo, tendo en conta tamén que o Emevé seguramente traia unha boa presada de seareiras e seareiros. O Aldebarán xogará na casa tres partidos: o de mañá, o do sábado 24 contra o cvleganes.com e o do 14 de abril contra o Podes i Tales Manacor. Quitando a viaxe ás Baleares da fin de semana que vén, os outros desprazamentos tampouco son nada do outro mundo para ir apoiar o equipo da casa: a Lugo o 4 de abril e a Leganés o 21 dese mesmo mes, última xornada e, quizais, día no que se confirme que un dos dous pases á Superliga vén para San Sadurniño.

Lea también

El Natación Ferrol logra el Campeonato gallego alevín en Mos

El fin de semana se celebró en la Piscina Municipal As Pozas, en Mos, el …