A concelleira non adscrita Esther Leira súmase ás voces críticas verbo do convite que o goberno municipal está a realizar para a presentación pública do proxecto da pasarela sobre a vía, nunhas declaracións realizadas antes de coñecerse a aprazamento do acto de presentación para o vindeiro martes 13, ás 19:30 horas.
«En primeiro lugar, non hai aínda un proxecto finalizado. Cousa que non invalida unha presentación pública pero si a condiciona. Habida conta da falta de palabra e compromiso de actual goberno que hoxe di unha cousa e mañá outra. En segundo lugar non son formas: un acto feito de costas ás asociacións de veciños do Ensanche A e Santa Mariña, que foron as entidades que levaron o peso da reivindicación cidadá é un acto contra elas. Incumpre, polo demais, os compromisos arrincados ao goberno durante o recente pleno. En terceiro lugar, non é nin o día indicado nin a hora axeitada. O oito de marzo está convocada unha xornada de folga cunhas caraterísticas moi determinadas. Ademais, ás oito da tarde están convocadas manifestacións polo día internacional da muller traballadora«, manifesta Esther Leira.
Por todo iso esta concelleira anunciaba que non ía aistir ao acto público de presentación previsto inicialmente para mañá, 8 de marzo e que foi aprazado, e repudia, «como muller e traballadora«, a súa convocatoria. Ao mesmo tempo fai pública o seu «apoio e solidariedade coas asociacións de veciñanza do Ensanche e Santa Mariña e , singularmente, coas mulleres que levan o peso da xunta directiva da AVV de Santa Mariña«.