O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou esta mañá no rexistro municipal máis de 500 recursos contra o recibo da taxa de saneamento que o goberno local está a aplicar «en base à ordenanza fiscal do goberno de Rey Varela e aproveitou este feito para censurar a decisión do goberno de Ferrol en Común de incluir o cobro desta taxa nos recibos ordinarios de Emafesa coa clara intención de dificultar que os veciños e veciñas poidan recurrilos ou devolver o seu importe«.
Para o BNG a «cobardía politica do goberno de Ferrol en Común evidenciase ao negarse a devolver unha EDAR defectuosa e que non funcionaba ao seu propietario, Augas de Galicia, cando decide aplicar a ordenanza do PP sen ter resoltos os recursos apresentados, cando se nega a contestar os milleiros de recursos presentados por veciños e veciñas desta cidade ou cando decide incorporar esta taxa nos recibos de consumo de auga para dificultar que se recurran ditos recibos poñendose do lado dos intereses de EMAFESA«.
O BNG indica que o feito de que EMAFESA, «amparada polo goberno local, actúe como está a actuar no cobro dos recibos de saneamento inculca de forma grave os dereiros dos veciños e veciñas de Ferrol, vulnerando as garantías administrativas de todo contribuínte e situando as veciñas da cidade nunha clara indefensión ao serlles negado o dereito aos recursos que corresponderan«.
Para o BNG a presentación destes recursos «é unha mostra de que os veciños e veciñas desta cidade estan en contra de que este goberno teña como prioridade salvagardar os intereses de empresas privadas en vez dos intereses dos veciños e veciñas desta cidade. Porque tense demostrado que o recibo que se esta a emitir non se adapta ao custo real do servizo, principio básico que rexe a imposición de calquer taxa por parte deste concello, porque supón pagar por unhas obras que debería asumir o Ministerio de Fomento, porque se nos cobra por depurar augas de chuvia non contaminadas, porque o cobro se fai a traves da empresa EMAFESA sen que exista un contrato que o permita e porque non se ten resolto o recurso de reposición do Bloque Nacionalista Galego a todo este despropósito«.
Estes 500 recursos súmanse aos presentados polos veciños e veciñas desta cidade no ano 2015 contra o cobrado por Rey Varela, por un servizo que non existía e que a día de hoxe, a principios de 2018, continuan sen estar resoltos e sen serlles devolto o importe deste recibo.