San Sadurniño e o CV Aldebarán asinan o convenio anual para a promoción do volei no municipio

Instante da firma – Concello de San Sadurniño

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do club de volei Aldebarán-Intasa, Juan Manuel García, asinaron hoxe esta tarde na Casa do Concello o convenio a través do que a administración local lle achegará este ano á entidade un total de 18.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades, entre elas o mantemento das escolas municipais desta disciplina. O clube conta nestes momentos con 12 equipos nas distintas categorías das ligas provincial e galega, ademais da escuadra da SM2 que aspira ao ascenso. O primeiro equipo rematará este sábado a liga regular recibindo ao Club Vigo Voleibol -pavillón municipal, 18.00h.- para meterse de inmediato na liguiña de promoción á máxima categoría do volei estatal.

O Aldebarán-Intasa de voleibol percibirá 18.000 euros destinados a gastos federativos e ao custe de monitoraxe das escolas deportivas municipais nesta disciplina. O 50% do convenio pagaráselle ao clube trala sinatura, mentres que os 9.000 euros restantes ingresaranse en dous prazos: o primeiro en xullo -4.500€- e o segundo -outros 4.500- en decembro, momento no que a entidade deberá presentar a xustificación dos gastos.

Mediante este convenio o clube comprométese a manter as escolas durante nove meses ao ano e a colaborar coa administración local na promoción e na organización de eventos deportivos. A cambio, ademais da contía reflectida no acordo, o Aldebarán tamén terá un acceso preferente ao pavillón municipal ao tempo que continuará dispoñendo dun local no propio recinto.

Entre as escolas e os equipos en competición, o Club Voleibol Aldebarán move máis dun cento de deportistas de distintas idades. As escolas e equipos de base contan con 90 participantes de entre 6 e 18 anos repartidos case a partes iguais entre rapazas e rapaces. Canda eles e elas cómpre contar os 20 compoñentes dos equipos senior feminino e masculino e maila escuadra da SM2 que, neste 2018, aspira a coroar o proxecto deportivo dos últimos anos ascendendo á Superliga, a división de ouro do volei estatal.

O presidente do clube, Juan Manuel García “Cobelo” sinalaba esta tarde que a liga de promoción de ascenso se presenta “complicada” pero que, malia todo, “o equipo ten confianza” en poder confirmar as súas expectativas. Non o vai ter fácil. Un dos seus rivais na loita será o EMEVÉ Lugo, xa confirmado como cabeza da táboa do Grupo A xunto co Aldebarán. Pero o resto de contrincantes decidirase esta fin de semana entre o Podes i Tales CV Manacor, o CV Leganés e o Michelín Mintonette Almería. Os dous primeiros marchan empatados a 35 puntos e o terceiro ségueos de preto con 34. A priori o Manacor ten praza case asegurada con tal de vencer ao antepenúltimo de grupo, o VP Madrid, mentres que O Almería e o CV Leganés deberán xogar o sábado un partido a cara de can para facerse coa segunda praza na promoción.

Este é o segundo ano en que o Aldebarán-Intasa se mete na loita polo ascenso, que se disputará nun todos contra todos a seis encontros entre os dous cabezas de cada grupo da SM2. Pero para iso aínda faltan uns días e o equipo local agarda facer unha boa actuación esta fin de semana perante a súa afección no que é o derradeiro partido da liga regular. Os de Charly Suárez reciben ás 18.00h. ao Club Vigo Voleibol -penúltimo da táboa- coas miras postas en ir engraxando a maquinaria que deberá estar a punto para a liguiña de promoción.

O club quere celebrar como se merece o remate da liga e por iso organizou un cocido para a noite do sábado -22.00h.- no patio cuberto do CPI. O menú: sopa de cocido, codido, sobremesa, viño e auga, café e licores, seguidos da actuación musical da solista “Patri”. Todo por 20€ no caso de persoas adultas e mocidade, mentres que o prato para rapazada menor de dez anos custará 10€. As reservas hai que facelas nos teléfonos 699 553 975 ou 630 288 080 antes do día 1 de marzo.

Lea también

El XXIV Triatlón de Ferrol acoge el clasificatorio Youth para el Campeonato de Europa

El XXIV Triatlón de Ferrol será escenario el próximo 18 de julio del clasificatorio Youth …