Este mércores, día 13, ás 19.00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón está prevista a celebración dunha reunión informativa das axudas do Programa FEMP 2014-2020 de cara á vindeira convocatoria 2018, da que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o 1 de marzo de 2018.
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar para a xestión das axudas do Fondo Marítimo e da Pesca 2014-2020 no ámbito territorial que abarca dende Narón ata Paderne (Paderne, Miño, Pontedeume, Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Neda, Ferrol e Narón).
Nesta reunión explicarase polo miúdo quen pode acceder a estas axudas, os requisitos que hai que cumprir, a tipoloxía de proxectos que se poden presentar, a intensidade das axudas que se poden recibir, os trámites a seguir e a documentación a presentar, e os prazos de presentación das mesmas, entre outros.
Tamén daranse a coñecer os proxectos que foron subvencionados neste territorio nas convocatorias 2016 e 2017: https://galp.xunta.gal/proxectos-aprobados
Por tal motivo, convidase a todas as persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens; Confrarías de Pescadores; Asociacións do Sector Pesqueiro e as súas Federacións; Asociacións sen ánimo de lucro….. e Entidades Públicas Locais, a participar nesta reunión e que se informen de primeira man desta liña de axudas para este territorio.
Máis información: http://galpgolfoartabronorte.blogspot.com.es/