O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, avanzou esta mañá que a Subdelegación do Goberno deu o visto bo á petición do Concello para facilitar á veciñanza a renovación do DNI por cambio de domicilio sen necesidade de trasladarse a Ferrol ou a outras cidades. Así, as persoas interesadas en realizar o trámite poderán facelo o día 23 de novembro na casa consistorial, entre as 9 e as 14 horas. Iso si, precísase solicitalo previamente para que o Concello lles asigne unha cita. E, para iso, tan só deben pedila na casa consistorial. En caso de que a demanda supere o número de citas, o Concello solicitará ampliar o servizo en sucesivas datas.
A renovación do DNI por cambio de domicilio será gratuíta sempre e cando o documento de identidade estea en vigor. Nesta liña, dende o Concello sinálase que o trámite é necesario trala recente aprobación do novo rueiro do municipio. Un rueiro aprobado para rematar coa inseguridade e molestias que ocasionaba residir en vivendas con dous números ou mesmo sen el e cunha denominación da rúa que levaba a equívocos. O novo rueiro substitúe a outro que databa de principios da década dos 90. O problema deste último era que, a pesar de que se aprobara, nunca se dera traslado ao Instituto Nacional de Estatística (INE), polo que os datos que manexaban as diferentes administracións e tamén os veciños eran dispares.