A Asociación de Comerciantes entregou os premios da campaña «Eu compro no pequeno comercio de Narón»

O  Concello de Narón acolleu na mañá deste luns o acto de entrega dos premios da campaña “Eu compro no pequeno comercio de Narón”, unha iniciativa organizada pola Asociación de Comerciantes do municipio e na que colaborou o Concello a través das áreas de Novas Tecnoloxías e Promoción Económica.

Máis dunha trintena de establecementos participaron na primeira edición desta acción que repartiu un total de 450 euros en tres premios de 250, 150 e 100 euros. As persoas premiadas tiveron que fotografarse coas súas compras nos locais participantes e subir a imaxe ao Facebook da Asociación de Comerciantes. As que obtiveron máis “gústame” foron agasalladas con vales de compra polo valor antes sinalado.

As persoas gañadoras recibiron os seus premios da man da presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón, Olga Ameneiro; da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e do edil de Promoción Económica, Pablo Villamar. As persoas agraciadas teñen agora tres semanas para gastar os cartos en, cando menos, tres dos establecementos que participaron na iniciativa.

A alcaldesa de Narón destacou o importante labor que realiza a Asociación de Comerciantes para promocionar o comercio de proximidade e animou a manter o seu dinamismo con campañas que sigan a dinamizar o sector comercial da cidade.

Antes da entrega dos premios, a rexedora asinou o convenio de colaboración coa entidade que preside Olga Ameneiro e a través do cal a administración local destina 9.000 euros para apoiar as súas actividades.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …