O Concello de Fene eleva tres pasos peonís da Rúa Tarrío

Obras na Rúa Tarrío – Concello de Fene

A empresa José No Mantiñán e Hijos SL está traballando desde hai uns días nas beirarrúas da Rúa Tarrío, en Fene, para eliminarlles os rebaixes existentes nos pasos peonís do Eroski Center, do Centro de Saúde e preto da gallada da cervexería Alborada. Unha obra que causou certa sorpresa entre a veciñanza e as persoas que pasan pola zona habitualmente, na crenza de que agora os pasos de cebra van quedar cun escalón en ambos lados. Pero non, non vai ser así. E é que a segunda parte da obra consistirá en sobreelevalos para que queden ao mesmo nivel que a beirarrúa, de xeito que os vehículos vexan mellor se algúen está cruzando.

A substitución dos pasos peonís por outros máis altos e coa mesma elevación que a beirarrúa busca mellorar a seguridade dos viandantes nunha das arterias principais de Fene. Na Rúa Tarrío hai centros de ensino, un grande establecemento comercial e tamén se encontra o Centro de Saúde.

A medida pretende que quen cruza sexa máis visible para o tráfico rodado, pero tamén limitar a velocidade dos vehículos, igual que ocorre na zona do colexio Jorge Juan aínda que nese caso utilizando bandas redutoras colocadas xa hai tempo.

«Nos últimos días houbo moita xente que nos preguntou por que se estaban quitando os rebaixes dos pasos de peóns, tan necesarios para as persoas maiores ou con mobilidade reducida. Nós explicámoslles que nuns días se farán uns pasos novos máis altos e a nivel coa beirarrúa, co que a accesibilidade aínda será mellor e ofrecendo máis seguridade«, explica a titular da área de Seguridade, Sandra Permuy.

As obras estanse executando con recursos municipais e por un importe próximo aos 10.000 euros. A empresa adxudicataria dos traballos conta ter listas as beirarrúas nesta mesma semana e que, inmediatemente despois, se constrúan con aglomerado os tres pasos sobreelevados, un diante do Centro de Saúde, outro diante do Eroski Center e o terceiro preto xa da bifurcación que conecta a Rúa Tarrío coa da Fraga.

Serán tres pasos dos coñecidos no argot técnico como «lombo de burro» acompañados dunha nova sinalización horizontal visible a maior distancia. «Os pasos de cebra veranse ben de lonxe, algo que servirá de advertencia aos condutores para que reduzan ao mínimo a velocidade ao tempo que tamén lles facilitará percatarse antes de se hai alguén cruzando ou con intención de cruzar, aínda que haxa coches aparcados nas inmediacións«, comenta Juventino Trigo.

O Concello agarda que o proxecto estea rematado a mediados ou finais da próxima semana. Nel tamén se inclúe o repintado das dúas prazas de aparcamento para persoas con discapacidade que hai diante do Centro de Saúde.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …