Aprobado en Narón o Plan Normativo 2018 para permitir á cidadanía participar na elaboración de varias ordenanzas municipais

O Concello de Narón aprobou na sesión plenaria do pasado xoves o Plan Normativo correspondente ao ano 2018. Trátase dunha iniciativa pioneira na comarca e que parte de meses atrás, coa aprobación previa –o pasado mes de xuño- dunhas directrices sobre a planificación, revisión e procedemento de elaboración das ordenanzas e regulamentos municipais.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, subliñou a importancia de aprobar este Plan Normativo do Concello, que Terra Galega sacou adiante co respaldo dos seus socios de goberno (PSOE e BNG) e co apoio do edil de EU, se ben os concelleiros do PP e de ENE non votaron favorablemente. “O Plan Normativo 2018 constitúe unha ferramenta fundamental de cara a complementar todo o traballo que desde o goberno local estamos levando a cabo para fomentar a participación cidadá en asuntos relacionados directamente coa administración local neste caso concreto”, destacou Ferreiro.

As directrices aprobadas en xuño deste ano contemplan aprobar un Plan Normativo anual, trámite que se cumpliu no pleno desta mesma semana, tal e como se recordou. Nese Plan, explicou Ferreiro, “recolleranse unha serie de propostas regulamentarias que estea previsto aprobar no exercicio seguinte, neste caso no do ano 2018, tendo sempre en conta que non se tratará de normas relativas á organización interna nin de carácter fiscal”. O obxectivo desta iniciativa é “anticipar ás veciñas e veciños de Narón determinadas normas que se aprobarán no Concello e permitirlles participar no proceso de elaboración das memas”, recalcou a alcaldesa.

No Plan Normativo 2018 xa aprobado avánzase xa á cidadanía que no vindeiro exercicio se prevén aprobar unha serie de normas xurídicas ou realizar modificacións relativas aos departamentos de Medio Ambiente, Urbanismo e o Servizo Sociocomunitario. Ao respecto, Ferreiro concretou que na área de Medio Ambiente se modificará a Ordenanza Municipal reguladora das actividades nos montes e espazos forestais e se adaptará á actual normativa a relativa á tenencia, defensa e protección dos animais de compañía e potencialmente perigosos.

No que respecta a Urbanismo a alcaldesa avanzou que as veciñas e veciños poderán tamén pronunciarse sobre a elaboración dunha nova ordenanza municipal para regular a publicidade no Concello. Por último, apuntou Ferreiro, na área do Servizo Sociocomunitario tamén están incluidos neste Plan Normativo de 2018 un novo regulamento que se someterá a aprobación sobre o réxime de uso interno da Biblioteca municipal e outro da Ludoteca municipal.

Unha vez definidas as normativas enmarcadas no Plan, procederase a realizar unha consulta previa a través da web de transparencia do Concello de Narón –anterior á redacción dos textos das ordenanzas- e a continuación terá lugar unha audiencia e información públicas para que os afectados poidan realizar aportacións adicionais, no caso de consideralo oportuno. Realizados estes pasos, seguirase a tramitación habitual neste tipo de procedementos ata a súa aprobación definitiva. “O proceso permitirá que a cidadanía ou as organizacións que potencialmente se consideren afectados polas futuras ordenanzas que se inclúan no Plan Normativo teñan a oportunidade de ofrecer a súa visión e consideracións sobre as mesmas”, recordou Ferreiro, que incidiu en que “desde o goberno local continuaremos fomentando a participación cidadá, animando ás nosas veciñas e veciños a participar activamente en determinadas cuestión da vida municipal co fin de, entre todas e todos, mellorar día a día o noso concello”. Marián Ferreiro lamentou o feito de que “este Plan Normativo, con todo o que representa en canto a darlle voz ás veciñas e veciños de Narón, non contase cos votos favorables no pleno do PP e de ENE para saír adiante por unanimidade, como era a vontade do goberno local”.

Lea también

O programa de Narón «A saúde mental importa» convoca tres novas conferencias

O programa municipal “A saúde mental importa” continúa desenvolvéndose este mes con tres novas conferencias. …