O Pazo da Cultura e o Auditorio de Narón acollerán ata finais de ano cinco espectáculos dirixidos a público familiar e infantil

programación teatral dirixida a público familiar e infantil do Padroado da Cultura de Narón  continuará desenvolvéndose o vindeiro domingo, día 15, no Auditorio municipal. A compañía Eme2 será a encargada da representación da obra Contacreques, que dará comezo a partir das 18.00 horas. As entradas para este espectáculo, xa á venda na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es- teñen un prezo de 7,50 euros para o público xeral e de 5,25 para abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e menores de 14 anos.

A presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou o feito de que se trata “dunha programación moi variada e na que se inclúen diferentes xéneros, co obxectivo de atender así os diferentes gustos do público ao que se dirixen estes espectáculos”.

Contacreques é un espectáculo poético creado a partir de textos de Ricardo Combi e dirixido por Álex Díaz. Baseado nos contos clásicos de O Reiseñor, Garavanciño e O Zapateiro e os trasnos serán os encargados de transportar ao público ao mundo dos monicreques.

Tres espectáculos en novembro

A vindeira cita co teatro familiar e infantil programouse para o día 5 de novembro, mes no que terán lugar tres espectáculos máis destinados a este tipo de público. A obra Lúa, da compañía Ghazafelhos, representarase ás 18.00 horas no Pazo da Cultura. Enmarcada no xénero da comedia, a peza está protagonizada por unha nena chamada Lúa, que realizará un percorrido polo mundo dos adultos pero que se amosará aos espectadores visto desde os ollos da infancia. A rapaza preocúpase polo ruído, os enfados da terra… e decídese a investigar qué acontece. Pepablo Patinho é o autor desta obra, formando tamén parte do elenco artístico, xunto con Jorge Casas e Montse Piñón.

A comedia regresará de novo ao Pazo da Cultura o día 19 de novembro, nesa ocasión da man da compañía Teloncillo, que porá en escena a obra Caperucita, lo que nunca se contó. Este recoñecido conto, que se transmite de xeración en xeración, escenificarase dun xeito moi particular, xogando cos personaxes e transformando o relato máis coñecido ata convertelo nunha comedia de enredos dislocados. A cita será tamén a partir das 18.00 horas.

O terceiro espectáculo para público familiar e infantil no mes de novembro será A festa continúa, de Mamá Cabra. Nesa ocasión será o turno da música infantil, da man do novo espectáculo de Mamá Cabra, no que o público terá a oportunidade de escoitar as súas mellores cancións. Consolidada como unha banda de música infantil de referencia, Mamá Cabra subirase ao escenario cunha proposta de concerto-teatro na que participarán catro actrices e actores e cinco músicos.

En decembro

Finalmente, o día 16 de decembro a compañía Aracaladanza traerá ao Pazo un espectáculo de danza: Vuelos. A cita, inspirada en Leonardo da Vinci, será a partir das 20.00 horas. Un grupo de bailaríns interaccionará con obxectos e os espectadores farán voar a súa fantasía a través da imaxinación e achega a danza aos nenos e nenas.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …