O luns comeza a «semana da anguía» en 12 establecementos de Naron

Unha ducia de establecementos hostaleiros do concello de Narón participarán do 9 ao 15 deste mes na “Semana da Anguía”, unha iniciativa enmarcada no Club Narón Gastronómico impulsado pola Concellería de Promoción Económica e coa que se pretende promover o consumo dun peixe de fonda tradición na comarca, baixo a marca Anguía do Xuvia.

Anacos, A Grella dos Avós, A Trasanquesa, Casa Sindo, El Refugio, Gastrobar Piñeiros, Hotel Valcarce, Mesón O Pío, Restaurante Carballo, Restaurante Marcial, 7 Santiños e 3 Pés son os establecementos que se sumaron a esta acción que forma parte dun programa, o Club Narón Gastronómico, que aposta tamén por dinamizar o sector hostaleiro a través de diferentes actividades. Previamente, os establecementos participantes asistiron ao obradoiro que impartiu o cociñeiro Roberto Filgueira, do restaurante O Balado, de Boqueixón, no centro de formación municipal Irmás Froilaz, na Gándara. 

Desde o vindeiro luns, 9 de outubro, ata o domingo 15, os locais participantes incluirán nas súas cartas algunha creación gastronómica coa anguía como protagonista. O Club Narón Gastronómico fornecerá o material necesario para o desenvolvemento desta proposta e asumirá o traballo de difusión e publicidade. A “Semana da Anguía” conta coa colaboración loxística da Confraría de Pescadores de Barallobre e co apoio do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro –GALP Golfo Ártabro Norte–, que recentemente concedeu unha subvención de preto de 43.000 euros para o desenvolvemento do proxecto “Anguía do Xuvia” presentado polo Concello de Narón na convocatoria de axudas do presente ano. A “Semana da Anguía” é unha das actividades que forman parte dun proxecto que terá continuidade o vindeiro ano.

O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, expresou a súa satisfacción polo éxito do obradoiro da semana pasada e polo interese dos locais de hostalería participantes que fan posible a posta en marcha desta proposta. “A anguía foi ata hai non moito tempo un produto importante na ría e o noso obxectivo é promover o seu consumo para recuperar na medida do posible esa tradición”, dixo o responsable da área de Promoción Económica.

Lea también

Intervención dos bombeiros de Narón por un vehículo ardendo

Os bombeiros de Narón realizaron na tarde de onte mércores unha intervención na rúa Somozas, …