Un total de 153 veciños e veciñas tomarán parte, dende esta semana, na programación de actividades deportivas municipais deseñada polo Concello de Valdoviño. Unha programación que inclúe ximnasia nas diferentes parroquias, tiro con arco, tenis e ioga. Así mesmo, a Concellería de Deportes informa de que bádminton e multideporte, que se ofrecían inicialmente, non reuniron un número mínimo de participantes. Por isto, e co ánimo de animar á veciñanza a probar e anotarse, as persoas interesadas poderán ir ás clases esta semana de forma gratuita.
Así as cousas, as clases de ximnasia desenvolveranse na Casa da Cultura de Valdoviño (martes e xoves de 9,30 a 10,30 h e un segundo turno de 10,30 a 11,30 h); en Meirás, no pavillón municipal do Longoiro (luns, mércores e venres de 10,30 a 11,30 h); en Vilarrube, no local da AVV (luns e xoves de 19 a 20 h e martes, xoves e venres de 20 a 21 h) e en Vilaboa, na antiga escola unitaria (martes e xoves de 11,45 a 12,45 h). E, en todos os casos, incluirán diferentes modalidades de fitness como pilates, running, aeróbic, step, zumba, chan pélvico…
As clases de tenis desenvolveranse no pavillón municipal do Longoiro, na parroquia de Meirás. De martes a venres con diferentes horarios segundo a idade dos alumnos. Pola súa banda, tiro con arco, tamén neste escenario, terá lugar luns e mércores de 18 a 20 horas.
E finalmente, e a modo de proba, as sesións de bádminton celebraranse este martes e xoves de 18 a 19 horas e multideporte luns e mércores de 17 a 18 horas. En ambos casos, no pavillón do Longoiro.