Os concellos do Ortegal reúnense en San Sadurniño para darlle o empurrón definitivo ao xeoparque

Instante da reunión – Concello de San Sadurniño

Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño reuníronse este xoves na Casa do Concello para falaren do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal e máis concretamente da fórmula colaborativa que se encargará de por en marcha o plan director e iniciar a tramitación da candidatura. A Deputación da Coruña mostrou o seu interese en implicarse economicamente na iniciativa e, neste sentido, dentro duns días celebrarase un novo encontro entre cargos políticos dos sete Concellos promotores -tamén está Ortigueira- e representantes do ente provincial coa asistencia de persoal técnico. A finalidade da xuntanza será a de darlle o pulo definitivo ao proxecto co obxectivo de iniciar en xaneiro o proceso de recoñecemento perante o Comité Español de Xeoparques como paso previo á verificación por parte da UNESCO.

Segundo comentaban os rexedores á saída da xuntanza mantida este xoves en San Sadurniño, case con total seguridade se opte por constituír unha entidade integrada polos municipios e fiscalizada pola Deputación. A súa misión será a de redactar o plan rector que sustentará a posta en valor do patrimonio xeolóxico e o fomento do seu coñecemento. Por outra banda, tamén se prevé sinalizar as zonas e rutas de maior interese, ademais de levar adiante intervencións que axuden a facer do xeoparque o que é noutros lugares: un atractivo turístico para o público xeral e especializado e, principalmente, un factor dinamización socioeconómica das comunidades onde se asentan.

Porén, neste momento o que máis urxe é dispor do plan rector de cara a iniciar a tramitación efectiva da candidatura en xaneiro de 2018. A parte de identificación técnica do valor xeolóxico xa está lista, co traballo levado a cabo até o momento polo experto Francisco Canosa e a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. A área abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño onde Canosa e a entidade localizaron ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. A nosa zona conta con praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Os xeoparques poñen en valor estas peculiariedades como un factor de desenvolvemento a través do turismo e doutras iniciativas de promoción local que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 63, dos que 12 están en España trala recente incorporación da zona leonesa de Las Loras. No noroeste non hai ningún de momento, aínda que hai movementos a prol da obtención do distintivo para a Serra do Xurés, o Monte Pindo e, máis recentemente, para a zona do Courel.

A intención dos municipios da comarca é avanzar na definición desta figura para que a candidatura oficial bote a andar co novo ano. A UNESCO non outorga a distinción a partir dun programa escrito, senón que para presentar unha candidatura fai falla levar a cabo investimentos e actuacións que, posteriormente, son verificados polo organismo internacional. É máis, antes de chegar sequera á UNESCO é necesario pasar polo filtro do Comité Español de Xeoparques, que só admite dúas propostas por ano e sempre que os proxectos reunan suficientes condicións de solvencia técnica.

A este respecto cómpre ter en conta que na decisión final da UNESCO ten maior peso a estratexia de desenvolvemento territorial que a propiamente xeolóxica. Tal e como recordaba esta mañá o xeólogo Fran Canosa, «a parte técnica de identificación do valor xeolóxico da zona está practicamente feita, pero iso só vale o 35% da puntuación. É máis importante o outro 65% correspondente ao apartado de como se vincula o coñecemento da xeoloxía co desenvolvemento local».

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …