Durante a tarde de onte tivo lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño unha charla informativa sobre desenvolvemento rural relacionada coa normativa forestal, na que interveu o Secretario Xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA). No acto, organizado polo PSdeG-PSOE, participou tamén o deputado autonómico José Manuel Pérez Seco, membro da Comisión parlamentaria de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes.
Na súa intervención, Pérez Seco esbozou as liñas xerais da charla, informando tamén das últimas iniciativas presentadas polos socialistas no Parlamento no referente a política forestal. Pola súa banda, Jacobo Feijóo abondou na explicación do marco legal da produción forestal, recollida fundamentalmente na Lei 7/2012 de Montes de Galicia, e na normativa sobre plantacións forestais, cortas e aproveitamentos da madeira, ademais de distancias de plantación e prevención de incendios forestais.
A charla estivo presentada pola Secretaria Xeral e voceira dos socialistas de San Sadurniño, Yolanda Vázquez, que agradeceu a presencia de veciños e algúns compañeiros de partido, como o senador Ángel Mato.