O Foro Ferrol Vivo conmemora o 135 aniversario do nacemento de Rodolfo Ucha cunha charla

Foro Ferrol Vivo

O Foro Ferrol Vivo conmemorará o 135 aniversario do nacemento de Rodolfo Ucha cunha charla, que terá lugar o vindeiro mércores, día 27 –o mesmo do seu nacemento- ás sete da tarde en Lea Librería Café. “Entender o Modernismo a través da obra de Ucha” é o título da conferencia, que ofrecerá Pilar Freire Rodríguez, licenciada en Historia da Arte, e que se centrará na figura do insigne arquitecto natural de Vigo e ferrolán de adopción, así como a súa pegada na nosa cidade durante as primeiras décadas do século XX.

Con esta actividade pública, ademais, o Foro Ferrol Vivo quere subliñar a importancia de poñer en valor o Modernismo na cidade, e de desenvolver accións nesta liña, creando un museo ou sala permanente do Modernismo, incrementando as rutas e visitas guiadas e mellorando os puntos de información –tanto nos propios edificios como en Internet e diversos sitios adicados ao coñecido como Art Nouveau-. O Foro lembrou que deseñou un proxecto transversal e multidisciplinar, “Ferrol é Moderno”, que ten no Modernismo un dos seus pilares, e que foi presentado o pasado mes de xuño ao alcalde sen que ata o momento se teña recibido noticia algunha.

O Foro valora positivamente as dúas rutas modernistas que se desenvolverán esta fin de semana, aínda que lamenta que se enmarquen dentro dos actos de celebración polo Día da Mobilidade e non na semana de actividades proposta en Ferrol é Moderno, que serviría para revitalizar non só o Modernismo, senón para implicar a diversos sectores –comercio, hostalería e entidades sociais e culturais- e institucións neste e noutras moitas iniciativas.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …