As canteirás do Triatlón Ferrol Inés Santiago e Camila Alonso afrontan este sábado a cita máis importante da temporada no Mundial sub-23.
Para Camila Alonso, será o seu último ano na categoría onde xa logrou un top-20 en 2015. “Pode pasar calquera cousa porque vai ser un circuíto de bici con infinidade de xiros por volta e dan choiva. Penso que se tratará de nadar ben para estar diante en carreira e, se me baixo na segunda transición en cabeza, irei con moita confianza porque nas últimas competicións en Pulpí me sentín moi ben”, afirma a ferrolá lembrando o bronce e o ouro logrado co club nos campionatos de España por parellas e superesprinte.
Pola súa banda, Inés Santiago pechaba a pasada temporada a dous segundos do bronce no Mundial junior. “Será unha carreira de moito nivel e, sobre todo, con rivais que teñen máis experiencia en distancia olímpica ca min. Teño ganas de ver o que nos depara un Mundial sub-23”, adianta unha ilusionada triatleta departamental.
No Europeo sub-23 deste ano, as internacionais do Triatlón Ferrol remataron á par: en décima posición Alonso e undécima Santiago.