O Padroado da Cultura colabora co Aturuxo de Melpómene nun “Circuíto Galego de Teatro Amador” que se celebra no Auditorio Municipal

O Padroado da Cultura de Narón colabora co Aturuxo de Melpómene e coa Federación Galega de Teatro Afeccionado nunha nova edición do “Circuíto Galego de Teatro Amador” que se convoca no Auditorio municipal. O vindeiro domingo, día 17, terá lugar a representación da obra “A túa tenrura, Molotov”, da compañía Axóuxere Teatro e dirixida ao público adulto. Este ciclo inclúe dous espectáculos máis, que serán todos a partir das 20.00 horas e con entrada de balde, debendo recollelas o propio día da representación no Auditorio Municipal, na praza de Galicia, tal e como explicou a vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.

Na obra “A túa tenrura, Molotov”, o público terá a oportunidade de ver unha comedia, protagonizada por Daniel e Victoria, un matrimonio que desexa ter un fillo, que debe ser varón. O humor e a crítica estarán presentes en todo momento, atacando duramente á clase media.

O domingo día 24 deste mes subirase ao escenario o elenco da obra “Os carniceiros”, da compañía Teatrino, nunha representación tamén pensada para o público adulto e dirixida polo actor ourensán José Vaquero. A obra está ambientada nun campamento militar no que tres cirurxiáns deben encargarse das persoas que chegan feridas, para mantelas con vida.

O último dos espectáculos programados neste ciclo é “Ás portas”, da compañía Paso de Valverde, e terá lugar o 1 de outubro. Neste caso trátase dunha peza dirixida a maiores de 12 anos e na que as protagonistas son Ana e María, dúas mulleres que teñen un irmán que está na guerra, loitando polo seu país. O papel que desempeñan as fronteiras é unha das constantes na temática desta obra, na que se analiza a súa función.

A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro anunciou tamén que as persoas que acudan a ver estes espectáculos terán a oportunidade de participar nun sorteo –en cada unha das funcións- no que se entregarán dúas entradas para un espectáculo que terá lugar no Pazo da Cultura.

Así mesmo, Ferreiro animou aos veciños e veciñas de Narón a acudir a estas representacións, “que ofrecen a posibilidade de gozar de espectáculos de gran calidade, a cargo nesta ocasión de compañías de teatro galegas, que ofrecen aos diferentes tipos de público obras enmarcadas en xéneros moi variados e que amosan o excelente traballo que se está facendo desde hai anos en Galicia a nivel teatral”.

Lea también

Más de 1.500 escolares participarán en Ferrol en la celebración del 300 aniversario del Ferrol Ilustrado

Más de 1.500 escolares de la ciudad participarán el próximo viernes 8 de mayo en …