O 13 de setembro ábrese o prazo de matriculación para as Escolas Deportivas de Fene

Exhibición da escola de fútbol sala feminino – Concello de Fene

A matrícula nas escolas da piscina de Centieiras realizarase os días 13 e 14 de setembro (só residentes en Fene) e o 15 de setembro (poboación en xeral). Para a totalidade das demais escolas deportivas municipais, as datas establecidas serán o 18 e 19 (só residentes en Fene) e os días 20, 21 e 22 de setembro para a poboación en xeral. Para as escolas culturais, cursiños Tic, xornadas Tic e obradoiros, a inscrición formalizarase do luns 2 ao venres 6 de outubro. Os días 2, 3 e 4 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 5 e 6 de outubro, a poboación en xeral. Consultar horarios de matriculación na páxina web do Concello de Fene.

Dende a Concellería de Cultura e Deportes saliéntase a variedade de actividades organizadas no marco das escolas deportivas e culturais municipais do Concello de Fene para o curso 2017-2018.

Entre as escolas que se impartirán na piscina municipal de Centieiras salientan as de natación para bebés, primeira infancia, iniciación e perfeccionamento infantil, perfeccionamento xuvenil, iniciación e perfeccionamento adultos e natación terceira idade. Tamén se oferta natación para embarazadas, natación terapéutica (combinada ou non con rehabilitación funcional) e aquagym (ximnasia na auga).

No pavillón “A Xunqueira” desenvolveranse as escolas deportivas de atletismo, pequedeporte (deportes variados), fútbol sala feminino, iniciación ao baloncesto, ximnasia rítmica, baile moderno, patinaxe, zumba, pilates e rehabilitación funcional, así como o obradoiro educación física contra a fatiga oncolóxica.

No pavillón do Ramo (Barallobre) haberá ximnasia artística e trampolín e no Centro Social de Fene, ioga. Tamén se anuncian escolas deportivas de judo e karate no ximnasio da Casa da Cultura e de pilates de ioga na piscina de Centieiras.

A duración do curso nas escolas deportivas municipais do Concello de Fene será do 2 de outubro ao 30 de xuño de 2018 (escolas da piscina) e do 2 de outubro ao 22 de xuño de 2018 (escolas municipais noutras instalacións).

En canto ás escolas culturais municipais, a oferta para o curso 2017-2018 pasa por:

Escolas de música: solfexo, piano e guitarra (iniciación e perfeccionamento).

Obradoiros socioculturais: “Xogamos co inglés”, dirixido ao estudantado do último ciclo de educación infantil até o derradeiro curso de educación primaria, incluído; “Falamos en inglés”, para persoas de 12 anos en diante, con ou sen coñecementos de inglés; “Licenza para rir”, obradoiro de risoterapia para persoas maiores de 16 anos; “Cociña para vag@s”, actividade dirixida a persoas maiores de 18 anos; “Fotografía. Nivel iniciación”, para persoas maiores de 16 anos que queiran iniciarse na fotografía de xeito práctico e sinxelo. Para participar nesta última actividade será imprescindible posuír un trebello con cámara dixital (cámara compacta, smarphone, cámara de acción, etc.)

Cursiños TIC: “Introducción á ofimática. Nivel básico” (10 horas), para persoas maiores de 16 anos.

Para máis información, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (981 340 366) ou consultar a normativa xeral de matriculación na páxina web municipal www.fene.gal.

Lea también

Adjudicada la dirección de obra de la reforma de los campos de fútbol de Caranza

La junta de gobierno local de Ferrol continúa avanzando en las próximas actuaciones, como es …