Temos aí, á volta dunhas horas, a Feira Rural e maila terceira edición do Sons na Cortiña. Dous dos principais eventos da programación anual do Concello aos que, nunha semana xusta, se lles unirá o IV Chanfaina Lab. No encontro audiovisual volverá reunirse a creación da casa coa que vén de fóra, representada este ano por nomes como o do multipremiado Óliver Laxe, o realizador portugués Carlos Viana ou o da parlamentaria Ana Pontón, que volve ao Chanfaina -xa estivera na segunda edición- para levar adiante o seu propio proxecto. O evento desenvolverase entre o venres 1 e o domingo 3 coa novidade de que durante o primeiro día terán lugar na Casa da Xuventude dous obradoiros, un sobre creación de memes audiovisuais impartido pola xornalista transmedia María Yáñez e outro sobre edición de vídeo en dispositivos móbiles da man de Juan Lesta, tamén chanfaineiro na primeira edición e metade da produtora Esferobite.
O Chanfaina Lab é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio de San Sadurniño a través dos ollos da creación audiovisual galega. A idea é sinxela: quen participan teñen que gravar na fin de semana unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devir do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
Tal e como se explica en Fálame de San Sadurniño, o nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes «nobres» do animal se lle entregaban aos Señores, mentres as vísceras e as partes máis pobres quedaban na cociña dos labregos, coas que preparaban este embutido cociñado, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.
Outro dos sinais de identidade do Chanfaina Lab é o de ser un» revolto de cousas diversas» e por iso procura a diversidade entre as persoas participantes segundo idade, sexo, formación ou experiencia no mundo audiovisual, co obxectivo de que o encontro teña «un tempo fecundo, onde se intercambien ideas, experiencias e capacidades».
Entre os creadores e creadoras que participan coa súa cámara nesta edición figuran naturais ou da veciñanza de San Sadurniño como, os axitadores socioculturais de Silvalonga Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, o veterano de Igrexafeita Abel Vega, o «adoptado» na Lobeira Fran Bermúdez, os mozos de Bardaos Bieito Beceiro ou Sebastián Rodríguez de Lamas, o neno de Sansa Pablo Martínez, as xa famosas labregas de «Teño unha horta en San Sadurniño» -Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce e Carmen Bouza-, así como cineastas ferrolás como Lara e Noa Castro e a novísima Carmen Leira.
Canda elas e eles tamén participan relevantes cineastas ou interesados polo cinema galego procedentes de distintos puntos do país: o monfortino Alberte Lobelle, a política Ana Pontón, o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey, a xornalista e documentalista Cristina de la Torre, a directora da Costa da Morte Olaia Sendón, o premiado o ano pasado en Cannes Oliver Laxe, e o cineasta experimental Vicente Vázquez. Neste ano o Chanfaina Lab conta ademais coa presenza de Portugal da man do director, programador e dinamizador Carlos Viana, quen creará unha peza durante a fin de semana e amosará unha antoloxía de curtas do cinema rural portugués na tarde do sábado.
Obradoiros paralelos
Ademais do encontro de realizadores e realizadoras e as proxeccións de venres e o sábado, desenvolveranse tres obradoiros, dous deles na Casa da Xuventude e con inscrición previa.
O primeiro comezará ás 10 da mañá do venres ofrecido pola xornalista e investigadora dixital María Yáñez, co título «Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados». Hai 15 prazas e nesta sesión coñeceremos a fondo a orixe e a gramática de memes, microvídeos e gifs animados, ademais de aprendermos algunhas bases prácticas para producir as nosas propias pezas e crear memes que poidan funcionar a nivel local. Fai falla móbil e, se se quere, tamén portátil para poñer en práctica todo o que ensine Yáñez, unha das xornalistas transmedia máis reputadas do país.
O segundo obradoiro desenvolverase tamén o venres a partir das 16.30h. coa denominación “Monta-móbil». Trátase dun curso intensivo de montaxe con 15 prazas dispoñibles, centrado na edición de vídeo no móbil ou táblet para distribuílo despois polas redes ou xerar unha copia que se poida ver en distintos dispositivos. A actividade impartiraa Juan Lesta, experto en audiovisual e un dos fundadores de Esferobite.
Para participar nestas dúas actividades será necesario reservar sitio a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou do teléfono 616 016 793.
O terceiro obradoiro -para o que non cómpre inscrición previa- será unha clase maxistral ofrecida por Óliver Laxe o domingo 3 ás 17.00h. na Casa da Cultura. Laxe -gañador do Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes co filme «Mimosas»- achegaranos unha mirada á creación audiovisual do rural galego desde a súa experiencia como realizador á marxe dos circuítos comerciais e das narrativas convencionais.
Colaboración veciñal e provincial
O Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño, coa colaboración económica da Deputación da Coruña e a loxística das asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas , San Pipote de Bardaos, Pico de Ferreira e Aula Cemit.
O cartaz -outro dos iconos do Chanfaina Lab- está inspirado nesta cuarta edición nun cadro pintado por J. Carlos Vázquez baseándose en indicacións de Víctor Manuel Rico, Vitucho, e fotografías antigas. O cadro fai referenza ao templete ou pérgola que os Marqueses de San Sadurniño tiñan nas beiras do Xuvia e onde a Marquesa Natividad Quindós e os seus aristocráticos invitados facían as veces merendas e pic-nics nos seus paseos dende o Pazo a rentes do río Xuvia. Estaba situado no que se coñece como o Pozo dos donceis, preto do lugar onde vive deusa Navia dende xullo de 2017.
Programa completo
Día 1, venres
10.00. Obradoiro: «Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados», impartido por María Yáñez.
16.00. Chegada de cineastas.
17.00. Obradoiro: “Monta-móbil”, impartido por Juan Lesta.
18.00. Recepción e visita guiada por San Sadurniño.
20.00. “Eira de cineastas”. Selección de pezas realizadas polas realizadoras e realizadores participantes.
22.00. Cea de benvida.
Día 2, sábado
10.00. Encontro e inicio das gravacións.
14.30. Xantar da Chanfaina Lab coa AVV de Bardaos.
20.00. “Cinema rural Portugués”. Selección de curtametraxes presentado por Carlos Viana.
Día 3, domingo
10.00. Encontro e inicio da segunda xornada de gravacións.
14.30.. Xantar coa AVV de Lamas.
17.00h. Clase maxistral de Óliver Laxe: “Cine rural. O cinema da soberana sumisión”.