O Concello de Fene e a AELG preparan un obradoiro de escritura poética para os meses de setembro, outubro e novembro

«Poesía: a grafía da emoción» é o título do obradoiro de creación literaria organizado pola Concellaría de Cultura de Fene e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega co que se pretende estimular e fomentar a creatividade poética entre a veciñanza. Serán dez sesións na biblioteca pública Xosé María Pérez Parallé que se desenvolverán os mércores e xoves desde mediados de setembro até novembro. O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 ao 12 de setembro na propia biblioteca e ofértanse 20 prazas. Á fronte das sesións estará o escritor fenés Pablo Bouza Suárez, premiado nunha decena de ocasións polos seus poemarios, recollidos xa en cinco obras.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, que centra os seus esforzos en impartir por toda Galicia talleres nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa guiada polos propios autores e autoras, coa finalidade de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, «tentando concienciar á sociedade do imprescindible que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo«. Neste sentido, o proxecto aposta por ofrecer -sobre todo á mocidade- un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

A actividade busca, polo tanto, estimular a sensibilidade e a creatividade poética, traballando para iso sobre a linguaxe, a expresión escrita e oral, as técnicas poéticas ou a declamación. Temas xenéricos que se abordarán nun contexto lúdico e de traballo en grupo a través de varios apartados máis concretos: a definición da poesía, os versos e outros elementos formais da poesía, os recursos fonéticos e semánticos, as formas e estruturas, poetas e fontes, a lectura e a entoación, referenzas da poesía galega contemporánea e actual -coa visita dalgún autor ou autora- e, por último, a procura do estilo propio e a súa manifestación coa escrita de poemas que se lerán ou recitarán ao final do proxecto.

Nese camiño as persoas participantes contarán co apoio e os coñecementos de Pablo Bouza. Nado en Fene en 1965, Bouza é Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC e na súa faceta literaria cómpre destacar que é autor de cinco libros e gañador, entre outros premios poéticos, do Pérez Parallé en dúas ocasións.

Segundo explica o poeta, no taller «primará o traballo de escrita» para o que el fará as veces de «mediador que ilusione ao alumnado, contaxiándolle o pracer da poesía«. O escritor busca, en definitiva, que o grupo «viva a poesía e o proceso creativo como unha festa da palabra«.

Inscricións a partir do 1º de setembro

O obradoiro «Poesía: a grafía da emoción» desenvolverase do 14 de setembro ao 16 de novembro na aula de estudo da biblioteca municipal Xosé María Pérez Parallé. Distribuirase en 10 sesións de 2 horas cada unha os mércores e xoves de 18.30 a 20.30h.

A participación é gratuíta e ofértanse 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O único requisito que se esixe é ter máis de 16 anos. O prazo para apuntarse estará aberto desde o 1 ao 12 de setembro na propia bilbioteca, situada na Casa da Cultura-Museo do Humor. Desde o 1 ao 8 as solicitudes poderán facerse de luns a venres de 10 a 14.00h. e os días 11 e 12 xa no horario normal do servizo, é dicir, entre as 16.30 e as 20.30h.

«Poesía: a grafía da emoción» está organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Fene-Biblioteca Pública Municipal «Xosé María Pérez Parallé», co patrocinio da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura.

Lea también

Alumnado del CIFP Leixa en Ferrol visita la exposición de maquetas de Carlos Macías

La concejala de Turismo de Ferrol, Maica García, acompañó al alumnado del curso de Animación …