O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes, organizará por terceiro ano consecutivo a Carreira Popular na Praia da Frouxeira. Terá lugar este domingo 27 de agosto, a partir das 12 horas, e a participación é completamente gratuíta. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, sinala que o obxectivo é fomentar o deporte en familia, polo que o percorrido é de baixa dificultade, pensado para todas as idades. Iso si, sobre area. Arrancará da caseta de socorrismo ubicada no areal e alcanzará a zona de Outeiro, para regresar de novo ás instalacións municipais.
A distancia a percorrer segundo a categoría é a seguinte: menores (benxamíns): 200 metros; medianos (alevíns e infantís): 400 metros, e absoluta (dende cadetes a veteráns): 5000 metros.
O Concello sinala que os interesados en tomar parte deben presentarse neste lugar unha hora antes da cita para formalizar a inscrición. Así mesmo, avanza que haberá premios para os tres primeiros de cada categoría, tanto masculina como feminina.
Esta Carreira, nun entorno natural único, foi recuperada polo Concello en 2015 tras un parón duns dez anos. Así mesmo, dende a Concellería de Deportes anímase a veciños e visitantes a participar na carreira e conseguir de novo que sexa un auténtico éxito.