Gony Zubizarreta cede unha das súas táboas máis especiais ó Museo do Surf

Tabla cedida por Gony Zubizarreta – Concello de Valdoviño

Gony Zubizarreta, o mellor surfista galego de todos os tempos e un referente a nivel nacional e internacional, vén de sumarse á lista de “mecenas” do Océano Surf Museo, o que está chamado a converterse no primeiro de toda España. Esta semana, facía a súa particular achega ós fondos do Museo, que abrirá as súas portas a finais de verán, e entregaba ó Concello, promotor do proxecto, unha das súas táboas máis especiais. Aquela coa que gañou, en 2009, o campeonato mundial de Zarautz, unha das probas máis prestixiosas e disputadas do calendario internacional. E unha táboa coa que, lembraba o propio Zubizarreta, quedara terceiro ese mesmo ano no Pantín Classic. Unha táboa que acompañou a Gony ó longo do 2009, un ano especial para el xa que foi nesta época onde colleitou os seus mellores resultados no circuito mundial. Agora, esa táboa formará parte dos fondos do Museo.

Nesta liña, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, aproveitou a ocasión para reiterar a invitación do Concello para seguir o exemplo de persoas coma Gony Zubizarreta e ceder material de calquer tipo. Lembrou que o Museo está chamado a ser un espazo vivo, que incorpore fondos de maneira permanente para manter o interese e o atractivo para aqueles que amen o surf ou simplemente desexen achegarse á súa historia. Así, é tan sinxelo como poñerse en contacto a través do teléfono 616 89 25 72 ou o correo web@concellodevaldovino.com.

O proxecto do Museo xa nacía xa con valiosas aportacións do Océano Surf Club e o Club Praia de Pantín, entre outras. Contribucións que o Concello agradece especialmente e que afondan na construción colectiva do museo.

As últimas, realizadas por Vicente Irisarri, un dos pioneiros do surf en Galicia, cofundador do Pantín Classic e moi implicado na actualidade no Océano Surf Museo; Marcos Pita, un dos responsables do Pantin Surf Camp, a escola de surf pioneira en Pantín; Estitxu Estremo, responsable de Alawa Surf Camp e campiona europea de surf, integrante da selección española de surf, e Rufino Tizón, máis coñecido como Rufo, fundador en 1972 de Rufo´s Surfboards, o primeiro taller de táboas de Galicia. Referencias todos eles do mundo do surf.

Lea también

Loreto Pérez e o Gran Premio de Marcha Cantones, distinguidos na Gala Anual RFEA

Un ano máis a Gala anual da Real Federación Española de Atletismo, na que se …