A Xunta investirá preto de 7.000 euros na renovación de equipamento informático en Valdoviño

A Xunta de Galicia investirá preto de 7.000 euros na renovación de equipamento informático municipal, no concello de Valdoviño, ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público. Estas achegas permiten levar a cabo pequenas actuacións que benefician directamente aos veciños e contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida.

Grazas á Orde de infraestruturas, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos galegos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou mesmo dependencias municipais onde se presten servizos administrativos.

Na convocatoria correspondente a 2017 accederon a estas axudas 27 concellos da provincia que suman un investimento total de máis de 832.000 euros en traballos de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de vías públicas municipais non incluídas no programa de mellora de camiños de titularidade municipal; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos: prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos; dotación de equipamentos de edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e dotación de equipamentos.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, sinalou que “a Orde de infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon a disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños”. Esta liña de axudas conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

 

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …