O Concello de Valdoviño licita a concesión do cámping municipal da Lagoa

O Concello de Valdoviño da un novo paso no proceso de concesión do cámping municipal e máis dos seus servizos auxiliares. O Boletín Oficial da provincia da Coruña publicaba o pasado venres o anuncio de licitación do contrato para a xestión indirecta e a explotación destas instalacións turísticas. Xa comezou a correr o prazo de 15 días para que as persoas ou empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Segundo recolle o anuncio municipal, o concello propón un contrato de concesión de servizo público por un período de dez anos, prorrogable por outros dous, como fórmula para pór de novo en funcionamento o seu cámping municipal de 2º categoría, cuxas instalacións ocupan unha parcela duns 9.500 metros cadrados na privilexiada contorna da Praia e Lagoa da Frouxeira.

A licitación da concesión constitúe un avance decisivo no proceso desenvolvido polo concello para recuperar o servizo público de cámping. Non en van, o contrato inclúe, ademais da xestión da infraestrutura de uso turístico, a execución das obras precisas para proceder á súa apertura.

Eses traballos centraranse fundamentalmente en adaptar as súas instalacións á normativa vixente en materia de accesibilidade, así como en resolver as deficiencias eléctricas detectadas. Cómpre lembrar que o cámping, que conta con dúas edificacións -destinadas a recepción nun caso, e a aseos, duchas, almacén e bar, con accesos diferenciados, noutro- foi construído a principios dos oitenta e ampliado no ano 1998 ata o que hoxe coñecemos.

Deste xeito, o goberno local mantén o obxectivo de conseguir que o cámping abra as súas portas o antes posible e o faga en condicións óptimas para as persoas usuarias.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …