
O Concello de Valdoviño invita a veciños e visitantes á proxección do filme de animación galego “O espírito do bosque” este luns, 7 de agosto. O pase dará comezo ás 22 horas na praza da Casa da Cultura, ou no auditorio en caso de choiva. Está dirixido a todos os públicos e inclúese no ciclo de cine de verán programado polo Concello en colaboración coa Deputación a través da Rede Cultural.
Dirixida por David Rubín e Juan Carlos Pena, a película narra as aventuras de Furi, Cebolo, Linda e o rato Piorno e a súa loita para evitar que o bosque sexa destruído. Namentras outros animais foxen, eles fan fronte aos plans dun poderoso empresario para construír unha estrada e da malvada Señora Dabondo para acabar co seu fogar.
Así mesmo, o cartel do ciclo concluirá o luns 21 coa proxección do filme “Somos xente honrada”.