O “III Festival Odeón Bulevar” traerá a Narón a recoñecidos artistas da xira LOS40 Summer Live

Instante da presentación – Concello de Narón

O Concello de Narón e representantes do sector hostaleiro da Gándara organizan a terceira edición do “Festival Odeón Bulevar”. Unha cita xa consolidada no calendario estival de actos festivos en Narón que esta mañá presentaron a concelleira de Festas, Mar Gómez, e Francisco Paz, en representación do sector hostaleiro da zona da Gándara. O “III Festival Odeón Bulevar” celebrarase o vindeiro 9 de agosto na rúa Cataluña –detrás do Centro Comercial e de Ocio Dolce Vita Odeón- a partir das 22.00 horas, tal e como apuntou Gómez. A novidade deste ano é que este evento enmárcase na xira LOS40 Summer Live, que traerá a Narón a recoñecidos artistas do panorama nacional. A entrada é de balde, tal e como apuntou Gómez, que animou á cidadanía a asistir a este festival.

Pola súa banda, Francisco Paz avanzou que o DJ David Álvarez será o encargado de conducir este evento musical, no que tamén actuarán Marlon, Bromas Aparte, Ana Mena, Taburete e Efecto Pasillo. Este ano colaboran co Concello na organización, en representación do sector hostaleiro local, os establecementos: Australian, Cambalache, Eder, Nueva Orleáns, El Colonial, La Quinta, La Suite e The Cream. Paz agradeceu a implicación do Concello de Narón para poder celebrar este festival na cidade. Na mesma liña, a edil de Festas destacou “a excelente coordinación entre o Concello e os hostaleiros implicados nesta iniciativa para poder traer a Narón esta xira, con actuacións pensadas para púbicos de diferentes idades”.

O público asistente poderá utilizar o estacionamento ubicado no soto do Centro Comercial Odeón para deixar os seus vehículos, se ben na zona se localizan numerosas prazas para aparcar. A celebración do festival obrigará a realizar unha serie de restricións no tráfico rodado nas inmediacións de Odeón, que estarán pertinentemente sinalizadas, tal e como se apuntou desde o Concello.

A xira LOS40 Summer Live celebrará en Narón a súa penúltima parada deste verán o vindeiro día 9, estando pechado outro festival o día 10 de agosto en Portonovo. Desde o pasado 22 de xullo recoñecidos artistas, entre os que tamén están David Otero, Bombai e Morat e o DJ Óscar Martínez percorreron numerosos escenarios localizados en municipios de todo o territorio nacional.

Lea también

El ferrolano Ángel Arias recibe la beca de formación artística internacional en Suiza Centro de Arte FMJJ

La ayuda, dotada con 25.000 euros, permitirá al creador gallego cursar el Máster de Bellas …