
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, recibiu a última hora da mañá de onte no seu despacho á nova directiva da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso. Na xuntanza estivo tamén presente a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, que xunto con Blanco conversou co actual presidente da entidade: Juan Manuel Vidal; a vicepresidenta, Flor Felgar; o tesoureiro e un dos vocais: José Manuel Lombao e Juan Francisco Pita, respectivamente. Forman tamén parte do novo equipo Lorena Luaces, como secretaria, e Brais Vidal, vocal, que non puideron asistir á reunión de onte.
Os representantes da S.C.R. “A Pombiña” falaron co alcalde e a concelleira de Participación Cidadá sobre diferentes temas relacionados coa parroquia de Pedroso e anunciáronlles algunhas das actividades máis inmediatas que celebrarán próximamente e outras que xa se están programando de cara ao vindeiro ano.
Pola súa banda, os representantes do goberno local naronés felicitaron á nova directiva por poñerse á fronte da S.C.R “A Pombiña”, se ben valoraron tamén o traballo realizado polos anteriores dirixentes da mesma. Tanto Blanco como García destacaron as múltiples actividades que se impulsan desde esta entidade de Pedroso e ofreceron a colaboración da administración local naquelas cuestións nas que o precisen.