Fene expón o regulamento de funcionamento do punto limpo de Vilar do Colo

Punto limpo – Concello de Fene

A web municipal www.fene.gal publicou recentemente o contido íntegro do proxecto de regulamento de funcionamento do punto limpo situado no polígono do Vilar do Colo. Trátase dunha consulta pública que finalizará o 8 de agosto coa que se pretenden recoller achegas que poidan mellorar o texto no que se sustentará a xestión dun servizo que, en breve, compartirán Fene e Cabanas -copropietarios da instalación- xunto con Ares, Mugardos e Neda. De feito, o articulado do regulamento foi consensuado previamente polos cinco municipios, que tamén acordaron a denominación «Punto limpo Fene-Cabanas».

Tal e como figura no texto publicado na web, coa consulta pública, as persoas interesadas poderán presentar «suxestións ou opinións sobre os problemas que se pretenden solucionar co servizo e o seu regulamento, ao respecto da necesidade e oportunidade da súa aprobación, precisións sobre os obxectivos da norma e posibles solucións regulatorias e non regulatorias que se poidan adoptar con respecto ao proxecto«.

O contido faise público para consulta co aval dos cinco municipios que empregarán o servizo e co coñecemento por parte dos grupos da oposición municipal que, segundo comenta Juventino Trigo, «non puxeron ningunha obxección«.

O regulamento conta con 18 artigos e céntrase na definición de aspectos como a definición da instalación ou os obxectivos dun servizo «fundamental» como centro de achega voluntaria e de clasificación dos resíduos domiciliarios e voluminosos que non se poden botar nos colectores convencionais. Entre eles os mobles vellos, electrodomésticos avariados, aceites, plásticos agrícolas -sempre limpos-, fluorescentes e bombillas, pilas, aerosois ou entullos de obras domésticas de escasa entidade. Incluso se poderán levar alí restos de pequenas podas, tal e como solicitaron algúns concellos durante a fase de negociación previa.

Iso si, de acordo coa capacidade do centro establécense límites anuais para certos resíduos. Así, por exemplo, cada persoa usuaria só poderá deixar dous mobles de madeira con plástico e vidro ao ano e igual número de sofás ou colchóns. Tampouco se poderán entregar máis de 4 pneumáticos e sempre que sexan menores de 1400 mm. O tope para os entullos de pequenas obras domésticas son 80 quilos e o máximo para disolventes e pinturas fíxase no proxecto en un envase de 25 litros ou dous de inferior capacidade.

Tamén hai restos que non terán limitación: a madeira con pequenas cantidades de metal, a ferralla, os electrodomésticos, os aceites vexetais e minerais que se baleiren directamente no depósito habilitado para iso, as lámpadas, as baterías, o material téxtil, o papel e cartón, os plásticos, as latas e os bricks, etc.

O que non se poderá levar ao punto limpo serán, en xeral, materiais orgánicos, resíduos radiactivos ou infecciosos, animais mortos, medicamentos, materiais explosivos ou inflamables e resíduos industriais xerados por grandes e medianas empresas, que xa contarían cun sistema de recollida e tratamento específico. Si poderán utilizar o servizo as pequenas empresas ou persoas autónomas, aínda que cumprindo cos mesmos límites establecidos no regulamento para calquera usuario.

Fene encargarase da xestión

Unha vez que Fene aprobe o regulamento poderá entrarse na fase de cuantificar os custos de funcionamento. «O regulamento explica punto por punto que servizos se van prestar e como se van prestar. No momento en que se aprobe teremos xa unha base firme para facer o cálculo de canto vai custar a prestación destes servizos, que serán gratuítos para a cidadanía«, explica Juventino Trigo.

O rexedor local sinala que un dos obxectivos inmediatos é o de «implicar á Xunta de Galicia» na elaboración dese plan económico no que se sustentará máis adiante a licitación da súa xestión.

Os cinco municipios implicados no proxecto acordaron que o centro o leve unha empresa privada e que sexa Fene quen se encargue de todo o referido á súa posta en marcha e coordinación. Para iso, Cabanas -que nestes momentos é cotitular das instalacións- deberá encomendarlle ao consistorio fenés a xestión. Despois, todos os concellos -incluído o de Cabanas- suscribirán un convenio con Fene para gozaren do servizo pagando unha contía baseada en parámetros como o número de habitantes ou o volume mensual que se achegue desde cada territorio.

As instalacións finalizáronse en outubro de 2013 e supuxeron un investimento próximo aos 241.000 euros, dentro do Plan de Xestión de Resíduos Urbanos de Galicia 2010-2020. Para Juventino Trigo, a aprobación «dentro de pouco» do regulamento vén supoñer «un importante paso» de cara á posta en marcha dun servizo «polo que levamos agardando moito tempo e que pasou por múltiples vicisitudes que pouco a pouco van quedando atrás«.

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …