Cabanas incorpora a reserva vía email para disfrutar das rutas turísticas polo Eume a bordo da gamela Anduriño

Fachada do Concello – Concello de Cabanas

O Concello de Cabanas informa de que, a maiores do teléfono 981 43 45 66 ou de acudir ó Punto de Información Turística, veciños e visitantes teñen á súa disposición unha nova vía para reservar unha praza nas rutas turísticas polo Eume a bordo da gamela “Anduriño”. Dende xa poden facelo enviando un correo electrónico ó enderezo oficinadeturismocabanas@gmail.com.

O “Anduriño”, a embarcación tradicional que permite descubrir a riqueza natural e paisaxística do municipio nun proxecto que o Concello poñía en marcha hai cinco anos, realiza rutas a diario ata o 15 de setembro, cun mínimo de tres viaxes ó día e uns horarios que dependen das mareas. As prazas están limitadas a oito por viaxe que, xunto ó patrón, completan a capacidade da gamela.

O alcalde, Germán Castrillón, explica que esta iniciativa nace da aposta do Concello pola promoción de Cabanas dun modo diferente e novidoso e sinala que as viaxes permiten coñecer a labor dos mariscadores a flote da ría de Pontedeume e Cabanas; contemplar a riqueza ornitolóxica das fermosas ribeiras da ría e, como non, o parque natural das Fragas do Eume, un lugar único que conserva os últimos vestixios dos Bosques Atlánticos Europeos. A ruta parte do Campo do Oito e o prezo da viaxe é de cinco euros. No caso de nenos menores de 10 anos, é gratis (un rapaz por familia). Así mesmo, hai tarifas especiais para a veciñanza de Cabanas.

O “Anduriño” é unha embarcación tradicional galega concebida para a pesca artesanal, de 7,30 metros de eslora e 2,87 metros de manga, construída na Escola Taller “A Aixola” de Marín, e cedida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Rural e Mariño.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …