Esta mañá a concelleira de Benestar social Saínza Ruíz asinou dous convenios de colaboración coa Asociación Teima – Síndrome de Down e coa Cociña Económica.
Por unha banda o Convenio coa Asociación Teima – Síndrome de Down é unha colaboración do Concello para o desenvolvemento do Programa “Participando. Inclusión na vida adulta”, para apoiar a emancipación das persoas con síndrome de down.
Entre os obxectivos deste proxecto está o apoio aos desprazamentos autónomos, emprego de recursos comunitarios, autonomía, xestión económica ou manexo de tecnoloxías da comunicación, con especial atención a aspectos coma a atención ás familias ou actuación en relación ao envellecemento. A contía total é de 35 000 € dos que 17 500 € serán achegados no momento da sinatura do convenio, e a outra metade do pago será á finalización da actividade obxecto do convenio.
A concelleira Saínza Ruíz destacou “o importante labor desta entidade na nosa cidade e especialmente na inclusión nas escolas” e quixo lembrar que esta entidade “por ese importante labor foi galardonada o pasado decembro co Premio Solidario na súa novena edición”. A presidenta de Teima Down Patricia Serantes agradeceu “o compromiso do Concello que un ano máis serve para reforzar a noso traballo na cidade.”
Por outra banda no referido ao Convenio asinado coa Cociña Económica destinado ao financiamento de dous tipos de servizos, o de tipo presencial nas instalacións do comedor, para promocionar menús ás persoas con limitados recursos económicos que asisten diariamente ao comedor da entidade e o tipo de recollida de comida para domicilios que ten coma obxecto a normalización e a non estigmatización no caso de unidades con menores ao seu cargo.
A achega do Concello de Ferrol para o subministro de menús ás persoas en situación de precariedade de recursos económicos é un total de 40 000 €. Antonio Tostado Naveiras, presidente da Cociña Económica destacou que “a sinatura deste convenio é moi importante para seguir facendo o noso labor na cidade.”