O “XIX Oenach Atlántico” celebrarase esta fin de semana na campa castrexa do Trece

O “XIX Oenach Atlántico”, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, celebrarase esta fin de semana na parroquia de Sedes. A programación comezará a desenvolverse este venres, a partir das 21.00 horas, co tradicional acendido de lumes co que se inaugura este evento para, a partir das 22.00 horas, dar paso á Noite de Música Galiciana, cun concerto de Davide Salvado, un dos cantautores galegos máis recoñecidos no ámbito da música tradicional.

A celebración continuará o sábado día 29, coa apertura ás 11.00 horas dos postos que participarán este ano na Feira de Artesanía e o Mercadiño Artesán, que se instarán polas inmediacións do recinto feiral do Trece. Este ano haberá preto de corenta postos, entre os do mercadiño, os propios de artesanía, e tamén os cinco que se instalarán dentro do recinto feiral do Trece para facer diferentes demostracións de traballos artesáns. Tamén ás 11.00 comezará a actividade na campa castrexa, cunha ampla oferta de propostas lúdicas dirixidas ao público familiar, a través das que fomentar de xeito intercultural o coñecemento dos hábitos de vida castrexos. Unha exhibición da raza Can de Palleiro a partir das 12.00 e o concerto de Pesdelán, que comezará ás 13.00 horas, completarán a programación da mañá do sábado. O grupo Pesdelán levará ao Oenach Atlántico un completo repertorio de música e baile tradicional galego e portugués co que animar ao público, de diferentes idades, a participar nesta proposta de recuperación patrimonial. Os asistentes terán a oportunidade de xantar no propio recinto, coa variada oferta dos postos gastronómicos que acudirán ao Oenach Atlántico. A partir das 16.00 horas retomarase a programación, con sesións de xogos populares; teatro a partir das 17.00 horas coa compañía Títeres Trompicallo, que interpretará a obra “Jiñol” e unha Parada etnográfica da música e do baile tradicionais na que actuará o grupo Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón. A partir das 22.30 horas comezará a esperada Noite do Castro, unha representación teatral protagonizada un ano máis polos integrantes da Compañía do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes, que porán en escena a obra “Molexa”.

Na xornada do domingo, os postos da Feira de Artesanía e do Mercadiño Artesán abrirán de novo a partir das 11.00 horas. A esa mesma hora iniciarase a Carreira popular ao Castro de Eiravedra, na que poderán inscribirse todas as persoas que o desexen nesa propia xornada. O percorrido a realizar será duns cinco quilómetros polas inmediacións do citado castro. Tamén o domingo terá lugar Castro miúdo, unha proposta de carácter lúdico e didáctico dirixida aos nenos e nenas, coa que se aposta por explicarlles o contexto castrexo a través dun Photocall castreño, obradoiros –de micro arqueoloxía e de vestido castrexo para crianzas- e a construción dunha mini palloza. O teatro regresará de novo á campa a partir das 13.30 horas, cunha recreación a cargo de veciños e veciñas da zona para, a partir das 14.00 realizar un descanso para o Oenach Gastronómico. Ás 16.00 horas comezará unha nova sesión de xogos populares e practicarase deporte rural dede as 17.00 cunha serie de propostas coas que poñer en valor o patrimonio cultural. Serrado con tronzador, tiro á corda e carreiras con toradas forman parte das propostas a levar a cabo nesta actividade. A media tarde, sobre as 18.00 convocouse unha nova Parada Etnográfica, con música tradicional, a cargo da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, e ás 19.30 horas entregaranse os trofeos aos mellor clasificados na carreira ao Castro celebrada pola mañá. A clausura desta décimo novena edición do Oenach Atlántico está prevista ás 20.00 horas.

O Concello de Narón e o Padroado da Cultura de Narón organizan un ano máis esta convocatoria en colaboración coa Asociación de Veciños “Rosa dos Ventos”, de Sedes, e nesta edición tamén da Xunta de Galicia e de Abanca.

Lea también

Alumnado del CIFP Leixa en Ferrol visita la exposición de maquetas de Carlos Macías

La concejala de Turismo de Ferrol, Maica García, acompañó al alumnado del curso de Animación …