O Triatlón Ferrol foi o mellor equipo do campionato de España de tríatlon sprint celebrado esta tarde en Banyoles e no que se impuxo Camila Alonso en categoría sub-23.
A menor das Alonso notou na natación a falta de adestramento e de confianza despois da súa lesión de ombreiro pero apertou ata dar caza ao pelotón perseguidor no que se movían Melina Alonso e Carmen Gómez. Ao baixarse a correr, Camila Alonso colocouse en postos de podio durante gran parte dos 5 km finais pero faltoulle un suspiro e cruzou a meta como cuarta absoluta e repetindo o título sub-23 que xa conseguira en Pontevedra en 2015.
Os valiosos postos de Melina Alonso, novena, e de Carmen Gómez, 16ª pese a chegar con pouco adestramento a pé por lesión, déronlle ao Triatlón Ferrol o ouro por equipos.
A maiores, o club precisaba puntuar con cinco triatletas para a Liga de Primeira División. Paula Herrero non defraudou e gañou no seu grupo de idade de 20 a 24 anos. Mención especial merece a nova incorporación Laura García xa que tivo unha picada en bici no km 5 e continuou así igualmente porque sabía do vital que era para o Triatlón Ferrol que cruzase a meta.
A Escola Javi Gómez Noya, pola súa banda, logrou un cuarto posto en junior cos resultados de Iván Puentes -21º-, Marcos Ruiz -27º- e Iker Pita -75º-. En categoría feminina, Ana Carvajal loitou polas medallas rematando sexta e Emma Romeo conseguiu finalizar 24ª. En cadete, Jorge Morado colocouse como o mellor da canteira ferrolá ao rematar 25º.