O Concello de Fene adxudica as obras da rúa Travesa

Rúa Travesa – Concello de Fene

O Concello de Fene acaba de adxudicarlle á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. as obras de reparación da rúa Travesa por un importe próximo aos 30.000 euros. O obxecto do contrato -que ten un prazo de execución máximo de 28 días naturais- será o de reparar o firme desta rúa próxima ao centro urbano de Fene, pero tamén repoñer as conducións da auga potable e as canalizacións das escorrentías, ademais de mellorar a seguridade peonil.

As obras desenvolveranse sobre unha distancia de 250 metros entre os cruzamentos coa rúa Alta e Alcalde Gerardo Díaz. En todo o traxecto cambiaranse as vellas tubaxes por outras de polietileno de 110 milímetros con chaves de paso e arquetas de rexistro para acceder a elas. Tamén se prevé instalar unha boca de rega na parte central da vía.

No referido á canalización de pluviais o proxecto recolle a limpeza das cunetas e a construción dunha plataforma dun metro de ancho e cun deseño de “v” aberto pola que tamén poidan circular viandantes. Debaixo dela irán instaladas tubaxes de PVC de 400 mm que tamén recollerán a auga das baixantes dos tellados da zona.

O traballo quedará listo coa intervención na capa de rodadura, sobre a que primeiro se fará un rebacheo para logo cubrila con asfalto aglomerado de 5 centímetros de espesor.

A rúa Travesa é un caso especial dentro da rede viaria municipal. Malia ter nome de rúa a súa feitura responde á dun camiño que non ten encaixe na trama urbana municipal definida no PXOM. O ancho medio anda nos 3,5 metros e nalgúns puntos incluso é menor por ter vivendas e ribazos a un e outro lado. Circunstancias todas elas que dificultan o tráfico -intenso por esa zona- e que, ademais, «impiden facer obras máis ambiciosas con custes asumibles, como serían a construción de beirarrúas ou o ancheado da calzada«, tal e como apunta o titular de Obras, Justo Martínez.

«O que si podemos e debemos facer é tentar mantela nas mellores condicións posibles e por iso se deseñou un proxecto que antes de aglomerar substitúa as canalizacións do abastecemento de auga e constrúa un novo sistema de drenaxe con escaso fondo que se poida usar como senda peonil«.

A empresa que resultou adxudicataria dos traballos foi a coruñesa José No Mantiñán Construcciones S.A., cunha oferta de 29.129,43€, ive incluído na que, ademais, se compromete a facer os traballos en 28 días naturais.

En calquera caso, o responsable da área de Obras, Justo Martínez, sinala que o obxectivo deste proxecto é dobre: «unha banda reparar unha vía moi deteriorada para mellorar a seguridade do tráfico rodado e peonil e, doutra, aproveitar os traballos na zona para repoñer todas infraestruturas soterradas que nalgúns puntos tamén estaban danadas«.

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …