Un total de 420 persoas participarán este domingo no “Campionato Galego de Piragüismo. VII Trofeo Cidade de Narón” en Xuvia

Instante da presentación – Concello de Narón

A Concellería de Deportes de Narón e o Club de Piragüismo Narón organizan o “Campionato Galego de Piragüismo. VII Trofeo Cidade de Narón” que se celebrará o vindeiro domingo, 16 de xullo, en Xuvia. Un total de 420 persoas procedentes de distintos clubes de piragüismo de Galicia inscribíronse neste evento deportivo. O edil de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club Piragüismo Narón, Andrés Martínez, presentaron esta mañá o campionato, que se desenvolverá nas categorías Benxamín e Alevín.

Os participantes realizarán un circuíto con ciabogas duns 1.500 metros polas inmediacións do pantalán de Xuvia e da ponte que divide os termos municipais de Narón e Neda. As regatas, todas en K-1, comezarán ás 10.00 horas, coa saída da categoría Benxamín de homes e ás 10.20 partirá a de mulleres. Ás 10.40 sairá a Alevín B masculina e ás 11.00 a feminina e, por último, ás 11.20 a Alevín A masculina e ás 11.40 a Alevín A feminina, tal e como explicou Martínez.

O acto de entrega de premios dará comezo ás 13.00 horas, entregándose medallas individuais aos tres primeiros clasificados en cada categoría e modalidade e trofeos por equipos aos tres primeiros clasificados.

O concelleiro de Deportes de Narón destacou a traxectoria deportiva do Club de Piragüismo Narón, que conta na actualidade con máis de medio cento de licencias. Román Romero agradeceu o labor que desenvolve a entidade e tamén a súa implicación na coorganización deste campionato a nivel autonómico, que excepto o ano pasado sempre se convocou en Narón. O concelleiro animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a acudir este domingo a ver esta proba, “na que poderemos ver a preto de medio milleiro de deportistas galegos disputando un importante campionato desta modalidade deportiva”.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …