A Deputación financia a reparación das casetas das praias de Valdoviño e a creación de novos parques biosaludables

Caseta de Valdoviño – Deputación da Coruña

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a formalización dos contratos de dúas obras do Plan de Acción Social (PAS) en Valdoviño, que supoñen un investimento por parte da Deputación de máis de 233.000 euros. O primeiro deles consiste no mantemento e reparación das instalacións municipais en varias praias do concello, mentres que o segundo permitirá a renovación de oito parques infantís e a creación de zonas biosaludables destinadas ás persoas maiores.

A Deputación da Coruña destina 57.444,72 euros aos traballos nas praias, que foron adxudicados á empresa Jardinería Arce, S.L. e que terán unha duración aproximada de 3 meses.

As obras consistirán na reforma das casetas de madeira da Frouxeira, O Río, O Rodo e Pantín, nas que se sitúan os aseos públicos e os locais de socorrismo. Os fondos provinciais custearán a substitución das carpinterías e das táboas das fachadas en mal estado, a aplicación dunha imprimación para protexer a madeira dos fungos e a reposición de lousas nas cubertas. No caso da caseta da praia do Río, tamén se acometerá a instalación dun novo bombeo de augas fecais ata a rede municipal de saneamento, o que permitirá eliminar a fosa séptica coa que conta na actualidade.

Zonas de ocio e deporte

Doutra banda, formalizouse o contrato coa empresa Jardincelas S.L. para o mantemento, conservación e mellora de parques infantís e zonas dedicadas ao ocio e a realización de actividade física para as persoas maiores.

A Deputación da Coruña financia estes traballos cun total de 176.355,41 euros, co obxectivo de renovar as instalacións e adaptalas ás normativas, garantindo así a seguridade dos usuarios

Os parques infantís que se renovarán e ampliarán serán os da Frouxeira, O Rodo, O Lago, Vilarrube, Montefaro e Aviño, mentres que se crearán novas zonas para os máis pequenos en Loira e Vilaboa, parroquias nas que na actualidade non existe ningún espazo para a infancia.

Os traballos contemplan a substitución dos xogos en mal estado, a limpeza e revestimento con imprimación daqueles que cumpran as normativas e o acondicionamento dos terreos para eliminar os desniveis.

Este proxecto tamén inclúe a creación de catro parques biosaludables, que contarán con diversas máquinas adaptadas para facilitar a realización de actividade física ás persoas maiores. Estas instalacións situaranse no Rodo, O Lago, Vilarrube e Vilaboa.

Lea también

El concello de Mugardos regulariza el proceso de solicitud de plazas en la Escuela Infantil Municipal «As Lagoas»

Según informa el concello de Mugardos  «se completó la regularización de las solicitudes de plazas …