O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, inaugurará esta tarde, a partir das 17.00 horas o obradoiro de sobremesas organizado polo Concello, no marco do Club Narón Gastronómico. Un total de dezaoito profesionais do sector hostaleiro local participarán hoxe, mañá e o xoves nesta proposta, que se desenvolverá en tres sesións formativas –un total de nove horas- que se impartirán de 17.00 a 19.00 horas no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz. Pedro Espasandín, da Escola Obradoiro Gascón, será o encargado de impartir as sesións, tal e como recordou Villamar. Espasandín compaxina a actividade profesional coa docencia no seu propio centro de formación, ademais de ter publicado o libro “Repostería sin azúcar” e participado en numerosos talleres dentro e fóra de Galicia.
Ofrecer a mellor imaxe posible do sector, dotando aos profesionais dos coñecementos teóricos e prácticos necesarios para que poidan ampliar a súa oferta de sobremesas, é o principal obxectivo do Obradoiro de Elaboración de Sobremesas que organiza a Concellaría de Promoción Económica de Narón desde hoxe ata o xoves 6 de xullo, dentro das accións previstas polo Club Narón Gastronómico.
Neste obradoiro abordaranse desde un punto de vista teórico as diferentes técnicas que se poden empregar para a preparación das sobremesas, ademais de ofrecer unha importante carga de práctica para a elaboración de distintas bases (biscoitos, pastas, etc.), o emprego de espesantes e xelificantes para os recheos, unhas nocións sobre xeadería básica, empratados, etc.
En liñas xerais, o curso pretende “mellorar a calidade gastronómica dos negocios de restauración, modernizar a cociña local, promover a especialización na elaboración de determinadas receitas por parte de cada un dos establecementos participantes, asesoralos de cara a futuras accións e buscar a tipoloxía de sobremesa que mellor se adapte a cada local, enriquecendo esta parte fundamental da carta”, tal e como apuntou Villamar. O edil naronés valorou a colaboración do sector hostaleiro local e a súa implicación nesta nova proposta ofertada desde o Concello de Narón.