Xosé Manuel Budiño e Mercedes Peón darán un concerto na parroquia de San Xiao o vindeiro 8 de xullo

O recoñecido gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño e, como artista convidada, a cantante Mercedes Peón –tamén galega- darán un concerto o vindeiro 8 de xullo nas inmediacións do local social de San Xiao, con entrada de balde. A cita musical, organizada polo Padroado da Cultura de Narón, do que é vicepresidenta a concelleira Marián Ferreiro, dará comezo ás 22.00 horas e rematará sobre as 00.00. A proposta enmárcase no apartado de colaboracións que o citado organismo realiza ao longo do ano coas diferentes entidades veciñais do municipio. Dous dos máis recoñecidos representantes do panorama musical galego interpretarán en San Xiao algúns dos temas máis populares dos seus traballos discográficos, ao contar tanto Budiño como Mercedes Peón cunha dilatada traxectoria profesional no mundo da música.

mesma xornada, o día 8, a AVV “Ceibe” San Xiao de Narón encargouse de organizar unha sardiñada-churrascada popular na mesma ubicación. As persoas interesadas en asistir deben adquirir os tickets no local social, que teñen un prezo de 8 euros para os socios e 10 para o resto, no caso do churrasco, e de 1 euro por cada dúas sardiñas, que comezarán a servirse a partir das 20.00 horas. Os tickets para a cea do día 8 poden adquirirse no local social de San Xiao en horario de 17.00 a 23.00 ata o vindeiro 1 de xullo ou tamén a partir do día 2, nese caso de 19.00 a 23.00 horas, tal e como se indicou desde a organización.

Ese mesmo sábado, entre as 20.00 e as 22.00 horas sucederanse tamén na zona sesións de xogos populares e deporte rural. Persoal dunha empresa encargarase de animar ás persoas que se acheguen a San Xiao a participar nas diferentes modalidades deportivas e de xogos que se realizarán durante dúas horas. Entre os obxectivos desta proposta lúdica está recuperar unha parte das tradicións galegas, neste caso as relacionadas co deporte e os xogos que practicaban os nosos antestros, dándoos a coñecer entre os rapaces e rapazas e ofrecéndolles a oportunidade de gozar dos mesmos, tal e como se destacou desde a organización.

Desde o Padroado da Cultura de Narón animan á veciñanza de Narón e doutros concellos da comarca a achegarse o día 8 a San Xiao para gozar dunha xornada de xogos, deporte, gastronomía e do concerto que pechará este evento na citada parroquia naronesa.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …